Propoñen que Pontevedra se sume á ruta do Pai Sarmiento
Por Redacción
O Partido Popular teno claro. Pontevedra, como punto de partida da ruta do Pai Sarmiento, debe participar na súa xestión e na súa promoción. Así o solicitarán os populares no próximo pleno da corporación municipal. Queren instar ao Concello de Pontevedra para que inicie os trámites oportunos para a súa incorporación a esta iniciativa turística.
"O turismo é un sector indispensable para a reactivación económica da nosa cidade, temos que aproveitar e impulsar as nosas fortalezas turísticas", sinalou o edil César Abal, que ve unha boa opción nesta ruta do Pai Sarmiento que recupera o traxecto realizado por Frei Martín Sarmiento no ano 1745 e que tivo como punto de partida a cidade do Lérez.
O pasado mes de maio, recordan os populares, presentouse este itinerario en Sanxenxo, un percorrido que parte de Pontevedra e transcorre por Poio e diversos municipios do Salnés antes de volver ao Camiño Portugués e cruzar o río Ulla en barco. Trátase dunha ruta documentada na obra do Padre Sarmiento, Viaje a Galicia.
O PP aposta por engadir esta ruta á oferta turística e gastronómica de Pontevedra, para o que é necesario unha tramitación previa coa Dirección Xeral de Turismo da Xunta de Galicia e coa Mancomunidade do Salnés.
"Sería moi beneficioso para a nosa cidade, para o noso turismo en xeral, e para a nosa hostalería en particular", salientou César Abal.
Así, o grupo popular ademais de pedir ao goberno local que Pontevedra se una a esta iniciativa, solicitarán ademais que o Concello participe activamente na difusión e promoción desta ruta.