Marín publica a listaxe provisional das prazas dos campamentos de conciliación
Por Redacción
O Concello de Marín publicou as listaxes de admitidos nos campamentos de conciliación para este verán 2016. Nesta ocasión ofertáronse máis prazas, aumentándose ata as 300.
As solicitudes presentadas foron de 318, sendo a primeira quincena de xullo a máis demandada en primeira opción.
O proceso queda pendente dos posibles cambios que se poidan realizar unha vez que se formalicen as prazas co pago. Restan 12 prazas libres en Mogor na segunda quincena de xullo que se cubrirán con segundas opcións de maneira que soamente poderíase repetir quincena en Mogor.
O campamento en catro quincenas en xullo e agosto, será como estes últimos anos no colexio do Sequelo, ofertándose a segunda quincena de xullo 25 prazas na Casa de Cultura de Mogor e a primeira quincena de agosto 25 prazas na Casa de Cultura de Seixo.
O prezo de cada quincena é de 30 euros, que se mantén igual que en anos anteriores. O pago realizarase no concello en Tesourería do día 30 de maio ao 3 de xuño para as quincenas xullo e do día 6 ao 10 de xuño para as quincenas de agosto.
O concello a través da área de medioambiente e benestar social aposta ano a ano por manter e incrementar esta oferta que é moi demandada para os nenos de Marín entre os 3 e os 12 anos.