Novo capítulo de roubos en garaxes: asaltan cinco trasteiros e dous coches na Cidade de Pedra
Por Natalia Puga
Os veciños da contorna da coñecida como Cidade de Pedra viviron esta semana un último capítulo dos roubos en trasteiros e garaxes que proliferaron en Pontevedra nos últimos meses. Na xornada do mércores, coincidindo cun día no que se realizaron tarefas de limpeza nos garaxes de toda a urbanización, hai constancia de asaltos en cinco trasteiros e dous coches.
En relación cos trasteiros, en todos eles as portas están forzadas e do interior de catro deles faltan obxectos, pero dun non levaron nada. Os veciños máis afectados sufriron o roubo de dúas canas de pescar e dúas bicicletas de montaña que gardaban no trasteiro.
Ademais, dun levaron varias ferramentas e o botín máis curioso, que demostra que os ladróns levaban o primeiro que se cruzaba polo seu camiño, é o dos outros dous trasteiros: aceite. Dun habitáculo falta unha garrafa de cinco litros de aceite de cociña e doutro varias botellas máis pequenas.
En relación cos coches, o autor ou autores dos roubos fracturaron as xanelas de dúas. Nun deles, tras forzar a entrada, non levaron nada e do outro hai constancia da desaparición dun equipo de música e unhas lentes de sol.
Fontes policiais confirmaron que existen denuncias polos sete roubos e os veciños afectados xa actuaron para reparar os danos ocasionados.Afectou a veciños cuxos edificios teñen o acceso por rúas como Cova Céltica, Rúa do Bardo ou a praza 8 de Marzo, todos na Cidade de Pedra.