Á terceira vai a vencida, Panorama actuará o vindeiro martes en Ponte Caldelas
Por Redacción
O próximo martes, día 17, aproveitando a festividade das Letras Galegas, Ponte Caldelas poderá, por fin, gozar da actuación da orquestra Panorama. Un evento que tivo que ser suspendido ata en dúas ocasións polas malas condicións meteorolóxicas dominantes durante os últimos meses.
Está xa todo preparado para que os caldeláns e veciños de toda a contorna poidan asistir ao concerto en Chan da Barcia. O grupo de goberno de Ponte Caldelas volveu agradecer a implicación persoal de todos os responsables de Panorama para “salvar” esta actuación.
Chegará así, este martes, o agardado preámbulo para o 50º aniversario da Festa da Troita, que este ano vai ter un pulo especial e que o Concello xa está a promocionar con diversos actos por todas as parroquias.
A organización agarda a presencia de "entre 5.000 e 6.000 persoas" no concerto, para o que o goberno local tripartito xa ten previsto un operativo que inclúe a participación de Protección Civil e de tres policías locais, que serán os encargados de regular o tráfico. Dende o Concello tamén se acordou cos propietarios a cesión temporal de varias fincas para a súa habilitación como aparcamento.
"Ao final, despois de tanta choiva parece que se confirma que non hai mal que por ben non veña, porque con estes aprazamentos chegamos a unha data estupenda e moi próxima á Festa da Troita, que acolleremos a finais deste mes", comentou o alcalde Andrés Díaz.