Pedaladas e Masa Crítica elaboran a súa propia proposta para un paseo peonil e ciclista Pontevedra-Marín
Por Redacción
Cansos de esperar a que as distintas administracións se poñan de acordo para acometer o proxecto dun paseo peonil e ciclista entre Pontevedra e Marín e convencidos de que a iniciativa se pode facer cun orzamento moi baixo, dende os colectivos Masa Crítica e Pedaladas decidiron dar un paso adiante e elaborar eles mesmos unha proposta. É a que figura na imaxe que acompaña esta información e aseguran que se trata dun proxecto "máis sinxelo, menos custoso, con menos impacto ao medio e incluso o que parece máis lóxico" ca todos os que se teñen barallado nos últimos anos.
Segundo indican dende os colectivos, a proposta consiste en adaptar a PO-11, a coñecida como autovía de Marín, ao paso de ciclistas. Non é unha autovía, senón unha vía da rede convencional que, segundo os detectores que existen no punto quilométrico 1,8 aos que fai referencia Pedaladas, normalmente usa o 7 por cento da súa capacidade con picos do 11 por cento.
Adaptala ao paso de ciclistas só precisaría afectar un dos catro carrís de circulación e tería un custo mínimo, a execución duraría semanas e podería estar lista para este mesmo verán, de modo que entenden que, se non se fai este proxecto, é só por un problema de vontade política.
Na súa opinión, esta infraestrutura é primordial, xa que permitiría chegar ás praias de Marín, ir facer recados dunha localidade a outra, que os traballadores do Porto de Marín que viven en Pontevedra non tiveran que usar o coche, que os rapaces das dúas vilas gañasen autonomía persoal e outras vantaxes cuns custos mínimos.
En nome de Pedaladas, Quique Pérez lembra que hai aproximadamente un ano anunciouse en plena campaña ás eleccións municipais un paseo peonil e ciclista que uniría Pontevedra e Marín e que no último ano abríronse múltiples frontes coa mesma temática ciclista, vía acordos plenarios e reivindicacións de asociacións e particulares, pero polo de agora as iniciativas non tiveron máis percorrido que moitos titulares nos medios de comunicación.
Ao seu xuízo, o asunto parece enquistado, as posibilidades para executar unha infraestrutura son moitas e parece que é cuestión de vontade política, máis que de cuestión técnica. As propostas pasan por continuar o paseo da PO-11 sen tocar os carrís, anular un carril da PO-11, facer un carril bici na estrada vella ou modificar a estrada vella con lombos e pasar a velocidade a 30 quilómetros por horas Ante todas elas, dende Pedaladas lembran que poucas cuestións nestes anos tiveron tantos apoios de tan diferentes actores políticos e piden vontade política para desatascar o proxecto.