Empresarios da China e Hong Kong visitarán Pontevedra en novembro
Por Alejandro Espiño
Seis meses despois de que Pontevedra visitase Hong Kong para recibir un premio ao seu modelo urbano, empezan a frutificar os contactos que a delegación municipal realizou na capital asiática. E, salvo cambios de última hora, culminarán coa visita que empresarios de China e Hong Kong queren realizar ás Rías Baixas o próximo mes de novembro co obxectivo de explorar posibilidades de negocio entre Asia e Pontevedra.
Así o sinalou Sally Lui, a directora de márketing e cofundadora da Asian-Spain Association, unha entidade que reúne a empresarios non só de China e Hong Kong, senón tamén de India, Corea do Sur ou Indonesia, que están interesados en facer negocios -ou fortalecelos noutros casos- con compañías españolas.
A moza, acompañada de varios membros do seu equipo, está a realizar durante estes días unha "previsita", como ela mesma a cualificou, para comezar a facer contactos con empresas locais que oferten produtos nos que as compañías asiáticas poden estar interesados.
"Adoramos a cultura española e vemos nela moitas oportunidades de negocio", sinalou Sally Lui, que desde a súa chegada a Pontevedra protagonizou unha intensa axenda polas comarcas de Pontevedra e O Salnés.
As Rías Baixas, dixo, "poden ser un novo destino turístico para nós", xa que explicou que os operadores de turismo asiáticos están moi interesados no Camiño de Santiago e en todo o paquete que se pode ofertar ao seu ao redor, ao incluír as adegas da D.O. Rías Baixas, o patrimonio arquitectónico ou unha gastronomía que é "exótica para nós".
Nos últimos días, esta delegación de Hong Kong reuniuse, entre outros, coa Asociación de Amigos do Camiño Portugués, a empresa Setga, o cociñeiro Iñaki Bretal, cos donos dunha pequena explotación gandeira, con Hifas da Terra ou visitaron o Talaso Sanxenxo e a lonxa do Grove. Os próximos contactos serán coa D.O. Rías Baixas, o Consello Regulador do Mexillón ou a empresa Interrías.
Ademais, a Asian-Spain Association está a elaborar dous audiovisuais para promocionar Pontevedra en Hong Kong para a preparación desta viaxe á cidade do Lérez.
Relacionadas:
-
Lores convértese nun "heroe" para os alcaldes de Corea do Sur
Por Diego Torrado & Oskar Viéitez |
-
Empresarios chineses visitarán Pontevedra na primavera para analizar oportunidades de negocio
Por Alejandro Espiño |
-
Unha empresa da Illa de Arousa, principal exportadora de ostra galega a Hong Kong
Por Alejandro Espiño |
-
Unha apaixoada de Pontevedra, interesada en mellorar as relacións comerciais entre Asia e España
Por Alejandro Espiño |