A ONCE dedica 5,5 millóns de cupóns á Ruta do Viño Rías Baixas
Por Redacción
Cinco millóns e medio de cupóns da Once difundirán por toda España a Ruta Enológica accesible de Rías Baixas.
Este é o motivo do cupón da Once do próximo mércores 25 de maio, que se inclúe nunha serie de once cupóns baseados na "Guía de Rutas Enológicas de España Accesibles para Todas as Persoas", publicada pola Plataforma Representativa Estatal de Persoas con Discapacidade Física (PREDIF).
O cupón foi presentado este xoves no Pazo Mugartegui de Pontevedra, sede Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas, nun acto encabezado polo delegado territorial da Once en Galicia, Manuel Martínez Pan, e o presidente da Ruta do Viño Rías Baixas, Juan Gil de Araujo, a quen acompañou a Xerente desta Ruta Accesible, Lorena Varela, e o director de Once en Pontevedra, Roberto Carlos Gaspar.
Esta ruta enológica accesible celebra este ano o seu 20 aniversario.
Os establecementos turísticos incluídos na Guía Predif son centros de interpretación do viño, enotecas e comercios especializados, restaurantes tradicionais e de autor, adegas, aloxamentos, oficinas de información turística, museos, monumentos, actividades lúdicas e resto de servizos relacionados coa cultura do viño.
No caso da Ruta do Viño Rías Baixas, a Guía inclúe 15 establecementos accesibles.