Carmela Silva acusa a Rueda de "mentir"
Por Oskar Viéitez
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, acusou de mentir ao vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, quen este mércores afirmou que o goberno galego levan tres meses esperando que as deputacións "nos acheguen un só papel" para estudar a viabilidade de que os parques de bombeiros comarcais pasen a ser xestionados de forma directa polas administracións públicas.
Carmela Silva reaccionou de maneira contundente, asegurando que "o señor Rueda mente, repítoo así con toda a claridade para que non haxa ningunha dúbida, o señor Rueda mente".
Segundo a presidenta provincial "xa houbo dúas reunións para tratar este tema" e afirmou que "o señor Rueda o sabe" que a Deputación "fai tres meses" que xa ten os seus informes técnicos e xurídicos sobre os custos que tería esta decisión e a situación na que quedarían os traballadores "que a nós interésanos moito e ao señor Rueda bastante menos", apostilou.
"Sábeo", porque segundo indicou Carmela Silva "eu mesma na última reunión que tivemos en Santiago así llo fixen saber".
"SEÑOR RUEDA"
Ademais a presidenta da Deputación de Pontevedra estendeu a súa acusación de "mentir con bastante descaro" e de "falta de rigor e seriedade" pola visita que realizou o mércores o presidente provincial do Partido Popular ao Pazo provincial para manter un encontro de traballo cos seus deputados na que "falseou a realidade".
"A partir de agora", Carmela Silva referirase a el como "señor Rueda" xa que entende que "co seu comportamento deixou de ser vicepresidente da Xunta" pola "falta de respecto ás institucións" mostrada con esta visita, polo que agora, para ela, Alfonso Rueda "pasa a exercer só como presidente provincial do PP".
Carmela Silva expresou a súa "sorpresa" pola "patética foto" quitada polos representantes populares na Deputación e lamentou que o presidente do PP pontevedrés "non viñese falar coa presidenta" da institución de cuestións "importantes e que interesan aos cidadáns".
"É moi triste, a verdade é que me dá moita pena", dixo a presidenta provincial respecto ao "abandono" das súas responsabilidades na Xunta. E criticou que "teña que vir facer oposición" o propio Alfonso Rueda "porque os seus deputados non son capaces de facela" o que entende como un "insulto" cara a eles.
Finalmente acusou a Rueda de "desprestixiar a política" coa súa actuación e sinalou que el foi o "encargado de poñer encima da mesa cuestiones falsas e facer que as campañas electorais virasen ao redor de mentiras" e enmarcou a súa visita na preocupación dos populares "porque saben que van perder as eleccións".
RESPOSTA DO PP
O portavoz do grupo provincial do Partido Popular, Ángel Moldes, cualificou de "ridícula" a reacción dos socialistas ante a visita de Alfonso Rueda á Deputación.
Desde o PP aclararon que Rueda visitou o grupo popular en calidade de presidente do PP na provincia, "outros fan unha xira polos concellos de Galicia, sen competencias e, probablemente sen invitación, buscando un candidato para o PSOE".
"Nin veu de noite nin ás agachadas, veu porque o convidamos e non será a última vez que o faga", destacou Moldes.