Ponte Caldelas acolle este sábado a concentración moteira
Por Redacción
Todo a punto para que Ponte Caldelas se converta durante este sábado día 21 na capital moteira do noroeste peninsular. Agárdase a presencia duns 500 motociclistas nun evento que entra tamén a formar parte da programación oficial da Festa da Troita.
O alcalde, o socialista Andrés Díaz, e o concelleiro do grupo municipal do BNG, Manuel Barreiro, recibiron este xoves a boa parte da directiva do Motoclub de Redondela, organizador do evento.
Na Casa do Concello estiveron Carlos Figueroa, Eva Pérez e Juan Alonso para revisar os últimos detalles. Os membros do goberno local destacaron que será un sábado de frenética actividade e que vai resultar moi beneficioso para os bares e restaurantes da vila, pois moitos deles xa acordaron a elaboración de menús especiais para atender os servizos de comida e cea.
Este ano a cita trasladouse a finais de maio, co gallo da Festa da Troita, e tamén para fuxir do mes de outubro, no que coincidiu a primeira edición, marcada pola choiva. Agárdase a presenza da práctica totalidade dos motoclubs galegos, algúns de fóra da comunidade autónoma e un gran número de moteiros portugueses.
A xornada comezará cunha recepción oficial por parte do alcalde en torno ás 11 horas na zona da Alameda. Alí instalarase un photocall para a realización de fotografías que serán “pasto” das redes sociais. Pola tarde, ás 17 horas, realizarase unha ruta pola bisbarra. O resto do día inclúe unha degustación de “pinchos” e dous pases do campión galego de trial Martín Rioboo, coñecido co alcume de Martín Voador. Xa pola noitiña haberá sesión de zumba amenizada polos Irmáns H. Ás 22.00 horas chegará o remate co sorteo de regalos.
O Concello de Ponte Caldelas e o Motoclub colaboran na posta en marcha dun dispositivo de seguridade que estará integrado por 16 pilotos, equipados con chaleco de organización, encargados de marcar a ruta e sinalizar todos os cruzamentos. Contarán tamén co apoio da Policía Local e Protección Civil. Haberá tamén servizo de ambulancia e de grúa para atender posibles avarías.