Ao PP non lle gusta o #FóraBorbónsdeCuntis do concelleiro de Cultura
Por Oskar Viéitez
O Partido Popular de Cuntis lamentou as "desafortunadas" críticas que o BNG local e o seu concelleiro de Cultura, Enrique Portela, fixeron nas redes sociais tras a visita do rei emérito Juan Carlos a Cuntis.
Na súa conta en Instagram o edil nacionalista comentou o seu punto de vista sobre a visita co hashtag #FóraBorbónsdeCuntis
"Non é a primeira vez que ten saídas de ton nas redes sociais, pero non é xustificación para criticar esta visita, que é moi positiva, a unha factoría importante para Cuntis e que dá traballo a moitas persoas", sinalou o voceiro do PP, Antonio Pena.
Para o popular, o concelleiro debería amosar máis respecto polas institucións, máis cando representa a todos os veciños de Cuntis. "É moi pouco apropiado, debe velar polos intereses de Cuntis e dos seus veciños, e esta visita supón unha aposta por esta factoría e polo emprego no noso concello", manifestou o exalcalde.
Nesta liña, Antonio Pena lembrou que unha das cuestións que o maior accionista da firma abordou no encontro co monarca foi a posible ampliación da empresa de velas.
Ademais, sinala o voceiro, que "nunha nova ocasión" ponse de manifesto o "escaso entendemento" entre os socios do goberno de Cuntis, "mentres o PSOE sae na foto, nas redes sociais os nacionalistas a critican e botan fóra do concello ao monarca".