Ano e medio de prisión por trapichear con droga na contorna da praza de abastos de Bueu
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
A Sección Cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra condenará coa súa conformidade a D.O.M. a un ano e medio de prisión como autor dun delito contra a saúde pública por trapichear con droga nos arredores da praza de abastos de Bueu.
O home sentou no banco dos acusados este xoves para rendir contas por un delito que cometeu en novembro do ano 2014. O fiscal pedía nun primeiro momento á Audiencia que lle impuxese a pena de tres anos e medio de prisión e o pago dunha multa de 1.059 euros. Finalmente, chegou a un acordo de conformidade coa Fiscalía polo que a condena se rebaixou a un ano e medio de privación de liberdade e o pagamento dunha multa de 800 euros.
A maxistrada da Sección Cuarta, Nélida Cid, fíxolle saber que ditará unha sentencia condenatoria nos termos cos que el se conformou. Ademais, coa conformidade do fiscal, darase por boa a petición da defensa do acusado de que se suspenda o seu ingreso en prisión. O representante do Ministerio Público, Pablo Varela, informou a favor desa petición dado que o home non tiña antecedentes cando foi detido por estes feitos e a pena á que foi condenado é inferior aos dous anos de prisión.
Ao aceptar o acordo de conformidade, D.O.M. recoñeceu que sobre as 11.00 horas o 30 de novembro de 2014 quedou cun individuo nos arredores da praza de abastos de Bueu e entregoulle, a cambio de diñeiro, unha bolsa que contiña 0,08 gramos de cocaína e outras dúas que tiñan dentro un total de 0,235 gramos de heroína. A droga acadaría no mercado ilícito un valor total de 53,41 euros, 14,60 euros a cocaína e 38,81 euros a heroína.
A transacción foi observada polos axentes da Policía Local, que máis tarde interceptaron ao comprador nas proximidades levando enriba as substancias que acababa de mercarlle ao acusado para o seu consumo. A continuación, localizaron o acusado, que levaba unha caixa metálica con anacos de papel de prata, catro bolsas de plástico con substancias estupefacientes. Este accedeu voluntariamente a entregar outras 10 bolsas de cocaína que tiña no domicilio, así como sete de heroína, todas elas destinadas á venda a terceiras persoas.
Tras as oportunas análises das referidas substancias, resultaron ser un total de 0,806 gramos de cocaína cun valor no mercado de 153,60 euros e 0,827 gramos de heroína, valorados en 145,99 euros.