O goberno local de Cuntis acusa o Partido Popular de "manipular á opinión pública"
Por Oskar Viéitez
O goberno local de Cuntis (PSdeG-PSOE e BNG) acusou ao grupo municipal do Partido Popular de "manipular á opinión pública". Nun comunicado o bipartito responde á denuncia feita polo portavoz do PP local, Antonio Pena, na que criticaba ao alcalde, Manuel Campos, de aprobar facturas por valor de 65.000 euros a pesar de que contan cos reparos do servizo de Intervención do Concello.
Desde o goberno local recoñecen a existencia destes reparos e lamentan o "problema de memoria" de Antonio Pena xa que as facturas ás que o interventor fai referencia, "poñen de manifesto a súa ineficacia á fronte dun goberno que, durante os catro anos que o PP de Cuntis estivo a gobernar, non foi capaz de aprobar un orzamento" un comportamento do anterior alcalde que describen como "xestión verdadeiramente caótica".
O bipartito lembra que cando chegaron ao goberno, un informe de intervención do 7 de xullo de 2015 deixaba "totalmente claro" que tiñan pendentes de recoñecemento e sen contabilizar facturas por un importe de 454.000 euros. Ademais preguntan ao ex alcalde Pena se "quere que lle lembremos as facturas das festas do ano 2014?", en referencia aos máis de 50.000 euros en débedas que quedaron ao Concello de "herdanza económica" polas festas de agosto.
No seu comunicado o goberno local precisa que non se están saltando as normas, "o que o interventor di é que iniciemos os correspondentes procedementos, que xa o estamos facendo" e citan o caso da Axuda no fogar que se atopa en proceso de avaliación da oferta técnica e falta abrir a oferta económica. Ademais puntualizan desde o Concello que tamén están a xestionar os demais contratos aos que se fan referencia que están "iniciados ou iniciándose" o proceso de contratación.
"Era tan desastrosa a situación que practicamente non había un contrato que non estivese caducado", reprocha o goberno local. Outra xestión que se está resolvendo, sinala, é "a falta de persoal que sufrimos durante estes meses", xa que ao estar con funcionarios en comisión de servizo, "só nos permitía afrontar o día a día".
Tamén se preguntan os responsables municipais de Cuntis "por que non había reparos de intervención durante os período do seu goberno?", unha circunstancia que consideran "difícil de entender" xa que eran precisamente "os mesmos clientes e as mesmas facturas ás que vostede fai referencia, algo que o anterior interventor xa tivo que rectificar en data o 11 de xaneiro de 2016".
Neste sentido, o goberno local quere "manifestar a nosa dúbida sobre os informes que emitía o anterior funcionario que ostentaba a praza do servizo de intervención", pola situación na que se atopaba o servizo cando o colleu o actual funcionario que ostenta a praza de interventor.
Finalmente, os concelleiros do PSdeG e do BNG defenden o seu orzamento municipal admitindo que "foi o primeiro que fixemos e seguramente terá que ser axustado, non o dubidamos, pero fixémolo", algo que contrapoñen coa "inoperancia" da que acusan ao PP durante os catro anos de Antonio Pena como alcalde nos que "se gastou o diñeiro público en actuacións que ninguén pedía".
Como conclusión, o goberno local insiste en que a "diferenza clara entre" este grupo de goberno e o do PP é que "nós escoitamos aos veciños de Cuntis, traballamos para eles e preocupámonos polos seus problemas, teremos que levantar algún reparo si, non o dubidamos, pero sempre dentro da legalidade" e acusan ao ex alcalde de "pensar unicamente no seu afán de protagonismo".