O centro de día de Cuntis abrirá cando estean finalizados os servizos pendentes
Por Redacción
A posta en marcha do centro de día de Cuntis está cada vez máis preto. A Xunta confirma que as instalacións abrirán as súas portas cando estean completos todos os servizos pendentes. Así o asegurou o conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, durante a xuntanza que mantivo co alcalde do municipio, Manuel Campos.
No encontro, no que tamén participaron a concelleira de Servizos Sociais, Conchy Campos, e o xerente do Consorcio Galego, Perfecto Rodríguez, o conselleiro avanzou que xa está a traballar para consignar as actuacións que sexan necesarias para a súa adecuación e posta en marcha.
O Concello de Cuntis xa ten redactado o proxecto de conexión da rede de saneamento e a eléctrica, para a cal conta xa coa autorización do Ministerio de Fomento e unicamente queda pendente dunha autorización de Augas de Galicia.
Por iso, Manuel Campos pediulle ao conselleiro que medie ante ese organismo para que na medida do posible se poida avanzar na tramitación.
Ademais, o alcalde asegurou que a Deputación de Pontevedra tamén está a traballar na proposta de dotación de mellora da intersección que dá entrada ao centro de día.
Nas próximas semanas, a Xunta remitirá ao Concello a proposta de convenio entre ambas administracións para a financiación do centro.
Na xuntanza, o alcalde tamén lle presentou ao conselleiro o proxecto de rehabilitación do baixo da antiga casa dos mestres, destinada a acoller os servizos sociais municipais.
Rey Varela, segundo o goberno municipal, mostrouse interesado neste proxecto pero asegurou que neste momento a Consellería non ten aberta ningunha liña de financiación para acometer os traballos.
Relacionadas:
-
O Concello e a Xunta avanzan no proxecto do centro de día de Cuntis
Por Redacción |
-
O Centro de Día de Cuntis, máis preto da súa apertura
Por Redacción |
-
O centro de día de Cuntis terá un novo acceso por unha entrada provincial
Por Redacción |
-
Educación cede a Casa dos Mestres ao Concello de Cuntis
Por Redacción |
-
Firme compromiso para poñer en marcha o centro de día de Cuntis
Por Redacción |