Firme compromiso para poñer en marcha o centro de día de Cuntis
Por Redacción
A apertura do centro de día de Cuntis, un equipamento rematado hai anos e que nunca se puxo en funcionamento, está máis preto. Así se desvelou tras a xuntanza que mantiveron en Santiago de Compostela o alcalde, Manuel Campos, co xerente do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar, Roberto Rodríguez. Ambos mostraron o firme compromiso de abrir as instalacións ao público.
Por unha banda, o goberno municipal comprometeuse a dotar de forma inmediata ao centro de día da canalización de saneamento e a dotación de electricidade necesaria para o seu funcionamento; mentres que o consorcio prometeu reparar os estragos que se produciron no inmoble desde que se construíu e equipalo con todo o material preciso para a atención dos usuarios.
Ademais, o Concello tratará de dotar ao centro dun mellor acceso, o cal non quita, segundo o propio goberno municipal, que de maneira provisional se poida utilizar o existente.
O centro de día de Cuntis será o centro de referencia para os concellos de Cuntis, Caldas de Reis e Moraña, segundo a información que lle trasladou ao alcalde o xerente do consorcio, polo que Manuel Campos celebra que a súa posta en marcha "non será só unha oportunidade para que os nosos maiores non teñan que desprazarse a outros concellos, senón tamén unha oportunidade para dinamizar a economía local coa creación de postos de traballo".
Iso si, cambiará o modelo de convenio co consorcio. A partir da súa apertura, cada concello pagará por persoa residente, polo que se Cuntis ten dez usuarios pagará por esas dez persoas segundo o baremo establecido pola Axencia Galega de Servizos Sociais.
Ante esta boa disposición o goberno municipal asegura que porá, desde este mesmo instante, os mecanismos administrativos e orzamentarios precisos para a posta en marcha do centro de día do municipio.