O PP propón rebautizar o Pavillón en homenaxe ao arquitecto Alejandro de la Sota
Por Redacción
O grupo municipal do PP quere que o pavillón municipal dos deportes pase a ser unha homenaxe ao arquitecto que o ideou, o pontevedrés Alejandro de la Sota, en recoñecemento á súa figura e a todo o traballo que fixo en e por Pontevedra. Por iso, con motivo do décimo aniversario da súa morte, propón que as instalacións deportivas se rebauticen e pasen a denominarse Pavillón Municipal dos Deportes Alejandro de la Sota.
O concelleiro do PP Tomás Abeigón presentou esta proposta este luns nunha comparecencia e avanzou que o seu grupo a levará ao próximo Pleno municipal deste mes de xuño para o seu debate e posterior aprobación. Segundo recoñeceu, aínda non lle presentaron a súa idea ao resto dos grupos políticos con representación na corporación, pero confían en que a moción teña boa acollida no resto das forzas políticas.
A súa proposta é aproveitar que este verán se acometerán as obras de mellora da cuberta do pavillón para, cando se inauguren as novas instalacións, facer unha homenaxe ao seu arquitecto e cambiarlle o nome. Coincidirían, desta maneira, o décimo aniversario da morte do autor e a mellora das instalacións cunha merecida homenaxe á súa figura.
Segundo explicou, a intención dos 'populares' é recoñecer a obra deste pontevedrés, "uno de los arquitectos con mayor proyección" do século XX, "uno de nuestros vecinos más relevantes" e "insigne arquitecto" que deseñou e proxectou esta instalación deportiva nos anos 60 e tamén outras moitas obras que o fixeron gañador en tres ocasións do Premio Nacional de Arquitectura, da Medalla de Ouro ao Mérito de Belas Artes e da Medalla de Ouro do Consello Superior dos Colexios de Arquitectos.
Relacionadas:
-
O PP advirte ao goberno local que "si quieren mociones las van a tener" e presentan 28 para o próximo Pleno
Por Natalia Puga |
-
Unha lona cobre xa a pista do Pavillón para iniciar a reforma da cuberta
Por Redacción |
-
O Pavillón Municipal recuperará este verán a cuberta orixinal de Alejandro de la Sota
Por Alejandro Espiño |