Unha lona cobre xa a pista do Pavillón para iniciar a reforma da cuberta
Por Redacción
A reforma da cuberta do Pavillón Municipal dos Deportes deu xa os seus primeiros pasos. Nas últimas horas colocouse un valado no exterior das instalacións para prohibir o estacionamento e cubriuse a pista interior para protéxela a fin de evitar danos e destrozos mentres se levan a cabo os traballos de rehabilitación.
Unha vez preparado tanto o interior como o exterior do recinto, comezarán as obras propiamente ditas cunha primeira fase que durará unhas cinco semanas e que incluirá a limpeza e pintado das cerchas da cuberta, segundo informou o Concello a través dun comunicado.
Esas cinco semanas da primeira fase son o tempo que é necesario para rematar a fabricación da nova cuberta, que terá, como xa se anunciou, o deseño feito no seu día polo arquitecto Alejandro de la Sota.
A desmontaxe e montaxe da cuberta é un traballo duns dous meses, polo que durante ese tempo o pavillón non terá actividade deportiva de ningún tipo. Dende esta mesma semana se restrinxe o uso da pista do recinto deportivo, pero mantéñense as actividades nos ximnasios.
Segundo as previsións da Concellaría de Deportes, a obra poderá estar rematada a primeiros de setembro, para continuar co ritmo normal da tempada deportiva.
Relacionadas:
-
Ollo coas planchas da cuberta do Pavillón!
Por Redacción |
-
Empezan a retirar a vella cuberta do Pavillón Municipal
Por Redacción |
-
O PP propón rebautizar o Pavillón en homenaxe ao arquitecto Alejandro de la Sota
Por Redacción |
-
Unha empresa de Ourense instalará a nova cuberta do Pavillón Municipal
Por Alejandro Espiño |
-
Vinte empresas compiten polo proxecto de substitución da cuberta do Pavillón
Por Redacción |
-
O Pavillón Municipal recuperará este verán a cuberta orixinal de Alejandro de la Sota
Por Alejandro Espiño |