Vinte empresas compiten polo proxecto de substitución da cuberta do Pavillón
Por Redacción
Vinte empresas pugnan pola obra de substitución da cuberta do Pavillón Municipal de Deportes, un proxecto que ten o dobre obxectivo de, por unha banda, resolver o grave problema de goteiras que ten a instalación deportiva e por outra, recuperar a cuberta deseñada polo arquitecto Alejandro de la Sota no ano 1964.
Das vinte empresa que formalizaron a súa oferta ante o Concello de Pontevedra, dezaoito son galegas - oito pontevedresas, cinco coruñesas, catro ourensás e unha lucense- e dúas madrileñas.
A obra ten un orzamento de 690.792,47 euros e como explicara no seu día o portavoz do goberno local e concelleiro de Economía, Raimundo González Carballo, o proxecto licitado leva adxuntas melloras como o pintado das cerchas cun custe taxado en arredor de 65.000 euros e a renovación da iluminación da pista cun custe de 50.000 euros.
Unha vez adxudicada a obra, a empresa elixida terá por diante un prazo de execución da obra de dous meses, mais antes da súa instalación será preciso fabricar a cuberta.
As previsións do Concello son que a substitución da cuberta do Pavillón Municipal se faga no verán co fin de non afectar a celebración das competicións deportivas que se desenvolven nesta instalación.
Antecedentes do proxecto
O pavillón municipal de Pontevedra foi construído segundo o proxecto redactado polo arquitecto Alejandro de la Sota entre os anos 1964 e 1970.
Nos anos oitenta levouse a cabo unha profunda reforma que transformou a cuberta considerablemente. Deste xeito, a parte da cuberta central sobre a pista de xogo realizouse con faldóns en forma de dente de serra, sendo a recollida de augas de chuvia por medio de canalóns lonxitudinais.
Este sistema de cuberta, con multitude de canalóns de acceso imposible para a súa reparación e limpeza, pasados trinta anos aproximadamente da dita reforma, provocou a aparición de multitude de goteiras xusto enriba da pista de xogo que se foron solventando a base de reparacións de carácter provisional.
Na actualidade, debido ao estado da cuberta, en calquera momento pódese producir a suspensión de partidos oficiais por mor da aparición de goteiras que incidan directamente sobre a pista e que non poidan ser reparadas de xeito inmediato.
Obxecto do proxecto
Para a redacción do presente proxecto pártese da idea de recuperar a cuberta orixinal pero empregando materiais de cobertura actuais.
Con esta solución construtiva trátase de lograr o dobre obxectivo de evitar os canalóns interiores por riba da pista de xogo e facilitar a limpeza e mantemento adecuado da cuberta co fin de alongar a vida útil da mesma.
Así mesmo, mellórase a iluminación natural e se elimina un sistema de cuberta que desvirtuaba o proxecto primitivo.
Por razóns de carácter orzamentario, acométese unicamente a parte central da cuberta deixando para futuras actuacións a reforma e eliminación de engadidos no perímetro do edificio.
Solución adoptada
A solución adoptada consiste, basicamente, na eliminación dos faldóns en forma de dente de serra e estrutura metálica suplementaria que se executara na reforma da década dos anos 80.
Posteriormente, sobre a estrutura metálica realizada orixinalmente, se colocaría a estrutura secundaria de apoio e a nova cuberta formada por unha cuberta sándwich realizada in situ cunha placa interior de 12.90 de policarbonato celular (con tratamento soflite), illamento intermedio de lá de rocha traslúcida e placa exterior de 16.90 de policarbonato celular.
Ademais da cuberta, se procedería ao cambio dos canalóns perimetrais e reparación de pezas especiais nas baixantes de evacuación de augas pluviais.
Co obxecto de facilitar a limpeza e mantemento futuro, pensouse na instalación dunha liña de vida permanente e a colocación dunha escada metálica que permita en calquera momento o acceso a cuberta dun xeito seguro.
Obras previstas
A cuberta que se modifica é unicamente a interior sobre a pista de xogo. Para iso, está previsto o desmontado da cuberta en dente de serra construída na reforma da década dos oitenta, os canalóns aos que verten as augas e da estrutura suplementada sobre a existente para o apoio da dita cuberta.
Durante os proceso de montaxe e desmontaxe se colocará sobre a pista de xogo, a modo de protección do pavimento existente, uns taboleiros con lámina termoplástica de PVC intermedia.
Para o apoio da nova cuberta e formación da pendente, se colocará unha estrutura secundaria a base de perfís tubulares S275. Prevese o pintado desta estrutura con pintura ao esmalte.
Crearase unha nova cuberta con panel de policarbonato celular autoportante (con estrutura hexagonal autoportante de cor gris reflectivo) de 30 milímetros de grosor e 100 milímetros de ancho e unha pendente do 5%. Colocaranse pezas enteiras en toda a lonxitude do faldón (entre a cumieira e o canalón).A pel interior do panel sera 1 milímetro de grosor e o interior de 0,5 milímetros, os nervios de 0,3 milímetros (peso 4,10 Kg/m2). O ancoraxe se realizará mediante parafusos autorroscantes ás correas da estrutura metálica utilizando espaciadores de aluminio anonizado e tapados con omegas de policarbonato celular.
Na cumieira, instalarase un aireador lonxitudinal en chapa de aceiro galvanizado en quente prelacado con resinas plásticas termoendurecibles con acabado de poliester siliconado.
Os novos canalóns a instalar terán un desenvolvemento de 1250 milímetros, serán de dobre chapa de aceiro prelacado de 0,6 milímetros e illamento intermedio de 30/35kg/m3 de 30 milímetros de grosor. O canalón colocarase sobre soportes de aceiro galvanizado en quente. Para a instalación dos ditos canalóns, haberá de levantarse previamente a cuberta que non se substitúe, e unha vez colocado o canalón volverase a aparafusar.
Contémplase no proxecto o cambio dos cóbados das baixantes en mal estado por outros de aceiro galvanizado en quente.
Relacionadas:
-
Unha lona cobre xa a pista do Pavillón para iniciar a reforma da cuberta
Por Redacción |
-
O campo da Xunqueira será renovado de forma integral
Por Alejandro Espiño |
-
Unha empresa de Ourense instalará a nova cuberta do Pavillón Municipal
Por Alejandro Espiño |
-
O Pavillón Municipal recuperará este verán a cuberta orixinal de Alejandro de la Sota
Por Alejandro Espiño |