Acondicionan a contorna do novo centro de saúde de Marín
Por Oskar Viéitez
Durante estes días están a executarse as obras complementarias que é necesario realizar para poñer en funcionamento do centro de saúde de Marín.
Trátase da execución dun muro de contención que amortigüe posibles avenidas do río e a mellora do comportamento da ponte de paso do río Lameira á altura do lavadoiro do Souto.
A empresa Naron, S.L. está a realizar estas obras por importe de 77.819 euros e avanzan a bo ritmo. A día de hoxe, gran parte do muro está a ser xa practicamente realizado e estes días iniciarase a actuación na ponte.
Pola súa banda, Fenosa está a tramitar a obra consistente na canalización necesaria para a subministración de enerxía eléctrica ao centro de saúde, presentando o proxecto e estando nestes momentos en información pública.
Ademais, o Concello traballa paralelamente no estudo e ordenación da contorna, da propia barriada Virxe do Carme, coa idea de ordenar e poñer máis sinalización e mellorar e ampliar os pasos de peóns.