Poio organiza un mercado de troco o próximo 15 de xuño
Por Redacción
A Casa Rosada acollerá o próximo 15 de xuño un mercado de troco, unha actividade integrada dentro do programa de consumo responsable que o Concello de Poio inicio esta semana co gallo da celebración do Día do Medio Ambiente.
Organizado polas concellarías de Xuventude e Benestar Social , o seu horario será de 11.30 a 13.30 e de 18.00 a 20.30 horas.
Esta actividade ten como finalidade concienciar ao público en xeral do valor dos bens de uso e consumo, amosándolles que aos mesmos se lles poden dar segundas oportunidades e de que o que non vale para unha persoa pode ser de interese para outras.
Ademais, trátase de instruír os veciños de Poio nun maior aproveitamento dos recursos e na reutilización e o reciclaxe, dando a coñecer prácticas e modelos alternativos de consumo.
Os participantes aportarán ao mercado obxectos do máis variado: libros, enxoval, xogos, bixutería, xoguetes, artesanía, material deportivo... Por eles, recibirán da organización un ou varios vales que despois poderán intercambiar por outros que estean expostos.
O troco será o único xeito de facerse cos obxectos desexados, que en ningún caso poderán ser sometidos a unha transacción económica.
Ao remate da xornada, os elementos que non foran adquiridos serán doados a entidades sen ánimo de lucro para rastros solidarios.