A reforma da escola infantil do Grove estará rematada en outono
Por Redacción
A escola infantil do Grove, que nos últimos anos se mantiña aberta en agosto para dar servizo aos pais que o requirían, pechará este verán. Así o anunciou o xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, tras unha xuntanza de traballo co alcalde do Grove, José Antonio Cacabelos, así como cos representantes da ANPA e deste centro escolar.
Isto é debido ás obras de reforma que se están a facer nas instalacións, uns traballos integrais nos que a Consellería de Política Social, a través do consorcio, inviste un total de 376.461,23 euros.
A maiores, o consorcio tamén renovará o equipamento e mobiliario da escola.
A previsión do goberno galego é iniciar a obra neste mes de xullo e aproveitar o peche da escola no mes de agosto para acometer a parte máis complexa da obra na que se levará a cabo a substitución total da cuberta.
A partir de setembro irase acometendo por fases a reforma de cada aula sen afectar o funcionamento normal da escola. Deste xeito, en outono os veciños do Grove contarán cunha escola infantil totalmente renovada.
A través desta proposta, o consorcio espera causar as menores molestias posibles para compaxinar o funcionamento do centro coa realización da obra, garantindo sempre a total seguridade dos nenos.