CIG desvela que a Xunta aumentará en dúas horas o servizo da ambulancia de Marín
Por Oskar Viéitez
O sindicalista da CIG Xabier Aboi criticou o uso "electoralista" que, ao seu xuízo, fai o Partido Popular do servizo de ambulancias de soporte vital básico, xa que, segundo revelou "o garganta profunda que temos no 061", nos próximos días a Xunta vai anunciar a ampliación da cobertura de emerxencias sanitarias en distintas localidades.
Segundo a información da propia Consellería de Sanidade á que a CIG tivo acceso, se ampliará catro horas diarias a ambulancia de Marín que fora recortada 12 horas, polo que pasará a estar operativa durante 16 horas e no caso de Vilagarcía terá unha máis que dará cobertura 12 horas (pero non será medicalizada, tal e como demanda a veciñanza e os colectivos sociais, políticos e sindicais).
"Primeiro recortan, sen facer nin caso ás demandas sociais, e agora, curiosamente, a poucas semanas dun proceso electoral van anunciar que aumentan as dotacións", dixo Aboi.
"Houbo mortos en Marín que de estar aí a ambulancia, ao mellor se salvaban", dixo Xabier Aboi
A central nacionalista lembrou que o goberno galego no 2011 recortou o servizo de 24 horas á metade e insistiu en denunciar que "houbo mortos en Marín que de estar aí a ambulancia, ao mellor se salvaban".
Finalmente Xabier Aboi sinalou que "curiosamente" en Baiona, "a localidade natal do conselleiro de Sanidade e onde tamén exerceu como alcalde" o departamento autonómico anunciará unha nova ambulancia que estará operativa os sete días da semana durante 24 horas ao longo dos tres meses de verán.
Relacionadas:
-
Marín incrementa o horario da súa ambulancia asistencial de soporte vital básico
Por Redacción |
-
Os traballadores de Ambuibérica maniféstanse ante a Xunta para denunciar incumprimentos laborais
Por Mónica Patxot |
-
Unha ambulancia choca contra un coche durante o traslado dun paciente
Por Redacción |
-
Avecíñase moita tormenta no sector de ambulancias
Por Oskar Viéitez |