Os rapaces do Sagrado sacan á rúa as cúpulas de Leonardo
Por Mónica Patxot
O departamento de matemáticas do Colexio Sagrado Corazón de Placeres desenvolveu este venres na Praza de Ourense, ao carón da igrexa da Peregrina unha curiosa actividade que consistiu en construír cúpulas empregando algún dos 11 modelos ideados por Leonardo da Vinci.
A Fundación Escola Rosalía de Castro promove esta actividade de tipo colaborativo e de carácter lúdico-matemático entre os alumnos de distintos centros educativos.
Os rapaces tiveron que montar diferentes cúpulas autoportantes, é dicir, estruturas que se manteñen unidas e en pé unicamente polo seu propio peso e a acción da gravidade. Son polo tanto, estruturas recíprocas, nas que os elementos que as componen están apoiados entre sí.
Segundo explicaron os rapaces ao numerosos cidadáns aos que chamou a atención a súa actividade, estas cúpulas, baséanse no deseño inicial do xenio do renacemento Leonardo da Vinci, recollidos no seu Codex Atlanticus.
Para poder levantar as diferentes cúpulas, os mozos tiñan a súa disposición 250 pezas de madeira.