O familiar dun narco ao tribunal: "Quiero ayudar a mi hermano para que nunca más se enganche a esta basura que es la droga"
Por Natalia Puga
Fernando Fariña Betanzos, coñecido como 'O Fuchiño', recoñeceu este martes na Audiencia Provincial de Pontevedra que no ano 2013 era o líder dun grupo estable dedicado á venda de cocaína e haxix na zona do Salnés e realizou actividades de tráfico de drogas e por estes feitos aceptou ser condenado a tres anos e tres meses de prisión tras alcanzar un acordo de conformidade coa Fiscalía que permitiu reducir a condena inicial de seis anos e nove meses de prisión á que se enfrontaba.
O narco foi un dos eixos principais do xuízo contra sete acusados -e unha a maiores só acusada en concepto de responsable civil- que se celebrou na Sección Cuarta da Audiencia, pero tivo que compartir protagonismo co seu irmán. Desde a zona do público, pediu a palabra e fixo unha petición en voz alta. "Yo quiero ayudar a mi hermano, a Fernando, para que entre en un centro de desintoxicación", reclamou ao tribunal. E engadiu o seu desexo de que "nunca más se enganche a esta basura que es la droga".
Fernando Fariña será condenado pola Audiencia polos delitos de integración en grupo criminal e contra a saúde pública, os mesmos que a maior parte dos acusados que sentaron no banco. Todos alcanzaron un acordo coa Fiscalía, de modo que un tras outro se puxeron en pé ante o tribunal para ratificar que se recoñecen autores dos feitos que se lles atribúen e aceptan a condena.
Manuel S.J. cumprirá tres anos e tres meses de prisión e deberá pagar unha multa de 65.000 euros polos delitos de integración en grupo criminal e contra a saúde pública fronte aos seis anos e noves meses que lle pedían inicialmente, aínda que é maior a redución de condena para Jesús P.P, que se enfrontaba a dez anos e medio por delitos contra a saúde pública, integración en grupo criminal e atentado a axente da autoridade e finalmente cumprirá tres anos e tres meses e unha multa de 70.000 euros.
Marco Antonio P.F. e Jaime R.O. pasaron de enfrontarse a catro anos e medio a ter que cumprir tres anos e unha multa de 35.000 euros por un delito contra a saúde pública. Tamén tres anos de prisión, pero ningunha multa, foi a condena para Juian Carlos B.P., que se enfrontaba inicialmente a catro anos e medio por un delito contra a saúde público. A pena inferior é a de Elena C., para quen pedía catro anos e seis meses e pasará a cumprir dous anos e unha multa de 2.000 euros.
A investigación que levou aos acusados ante o tribunal da Audiencia iniciouna o Equipo de Delincuencia Organizada e Antidroga (EDOA) da Garda Civil de Pontevedra tras ter coñecemento de que os imputados Fernando Fariña, Manuel S.J. e Jesús P.P, formaban un grupo estable dedicado á venda de droga no Salnés valéndose dunha nve en Corbillón (Cambados) á que levaban a substancia estupefaciente para preparala, envasándoa ao baleiro, antes de entregala aos compradores.
Segundo puido comprobar a Garda Civil e eles recoñeceron na Audiencia, Manuel S.J. achegaba ao grupo a nave, xunto a Fernando Fariña preparaba a droga e, en ocasións, transportábaa el mesmo para entregala aos compradores. Jaime P.P., encargábase de trasladar en coche e acompañar a Fernando Fariña a todas as reunións de venda de droga; e o líder do grupo -'O Fuchiño'- pechaba os acordos de venda. No ano 2013 os investigadores acreditaron operacións de compra e venda de droga con implicacións dos outros acusados que todos recoñeceron ante o tribunal.