Un concurso de fotografía e curtametraxes premiará ideas para previr condutas adictivas
Por Redacción
Mensaxes creadas polo alumnado e dirixidas ao alumnado serán as protagonistas da nova campaña de prevención de condutas aditivas do Concello de Pontevedra. Para poñela en marcha, contan coa colaboración da Universidade de Vigo e veñen de convocar un concurso de fotografía e curtametraxes no que hai de prazo ata o 30 de setembro para presentar os seus proxectos.
Os participantes poden presentar ao certame curtametraxes dunha duración máxima de 2 minutos ou series de entre tres e cinco fotografías que propoñan unha reflexión crítica dos riscos que implican as condutas adictivas relacionadas co consumo de alcol e outras drogas e dos comportamentos vinculados ao uso abusivo do móbil ou internet.
Segundo se recolle nas bases, as obras presentadas serán empregadas polo Concello para a organización dunha exposición, ao tempo que os proxectos premiados poderán empregarse como materiais en actividades de carácter preventivo.
Segundo informou o Diario da Universidade de Vigo, o vicerreitor do campus, Juan Manuel Corbacho, insiste en que a iniciativa é unha "oportunidade para mostrar o talento que existe no campus".
A universidade tratará de fomentar a creación de equipos multidisciplinares que reúnan a estudantes de diferentes titulacións, pois a iniciativa pode ser interesante para o alumnado que recibe formación en materia de fotografía ou creación audiovisual nas facultades de Belas Artes e Ciencias Sociais e da Comunicación e tamén para os da área da saúde e benestar que asisten ás facultades de Fisioterapia e Ciencias da Educación e do Deporte e á Escola Universitaria de Enfermaría.