A campaña de seguridade viaria na que participaron un milleiro de estudantes conclúe con diversión
Por Mónica Patxot
Finalizou a campaña escolar 2015-16 de seguridade viaria da Policía Local de Pontevedra e fíxoo ao grande cun acto no Pazo da Cultura no que participaron centos de menores, que durante este curso formaron parte das actividades da campaña escolar que promove a concellería de Protección Cidadá.
Durante os últimos meses, ao redor dun milleiro de menores, con idades comprendidas entre os 10 e os 11 anos, que cursan quinto curso de Primaria, asistiron a dúas sesións de formación e traballo, ademais da unha sesión práctica no parque de Educación Viaria en Mollabao. Alí exerceron o papel de peóns, ciclistas e tamén de condutores para coñecer a aplicación práctica das normas de tráfico. Desta forma, os axentes locais establecen unha relación de confianza que quedou de manifesto durante o acto deste martes 14.
A Policía Local de Pontevedra leva desde fai máis de vinte anos promovendo campañas de educación viaria para escolares de primaria e tamén, nos últimos tempos, para estudantes de ata 18 anos e mesmo para menores de tres anos.
Durante o acto, algúns dos participantes leron cartas que lles enviaban aos seus pais para lembrarlles as necesidades de cumprir coas normas de tráfico, evitar a condución baixo os efectos do alcol ou recomendándolles moderación ante o volante. O acto, que contou con teatro e maxia, rematou cun número musical no que participaron varios axentes.
Entre os asistentes se atopaban o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores e a concellería responsable de Protección Cidadá, Carme da Silva.
Está previsto que a Policía Local en unión coa Dirección Xeral de Tráfico leve a cabo unha charla sobre educación viaria no Centro social da Meán, na parroquia de Cerponzóns, a petición da asociación de veciños. A charla-debate, que levará a cabo o martes 21 ás 20.00 horas, centrarase na mobilidade e visibilidade.