O Salnés e o norte de Portugal estreitan lazos a través de Ponte de Lima
Por Redacción
O alcalde de Sanxenxo e delegado de Turismo da Mancomunidade do Salnés, Gonzalo Pita, mantiña este mércores unha reunión co presidente da Cámara de Ponte da Lima, Víctor Mendes, acompañado do vereador de Turismo deste municipio, Paulo Sousa, nun encontro ao que asistiu tamén o edil local de Sanxenxo Jesús Sueiro e o xerente da Mancomunidade, Ramón Guinarte.
Con esta reunión establécese un acordo de colaboración entre O Salnés e este municipio portugués coa intención de potenciar a actividade turística en ambas as vilas.
O alcalde de Sanxenxo sinalou que o obxectivo de establecer estas liñas de colaboración supón unha oportunidade para mellorar a rendibilidade do sector turístico de proximidade, coa posibilidade de incrementar o fluxo de visitantes durante o verán e que redunde na economía e no sector turístico. Gonzalo Pita apuntou que esta mesa de traballo axudará a mellorar a información e a promoción de ambos os territorios.
Está previsto que se asine un acordo cunha comisión de seguimento con representantes do sector público e privado, que manterán polo menos dúas reunións anuais. A primeira tarefa sería elaborar un plan de actuación para 2017 no que colaborarán a administración pública e o sector privado para buscar intervencións concretars destinadas a operadores de turismo e empresarios turísticos.