O goberno provincial revela que Louzán repartía sen control fondos da Deputación a "conseguidores" do PP
Por Redacción
O goberno da Deputación de Pontevedra, PSOE-BNG, decidiu reformular o antigo Plan de Acción Comunitaria (PAC), o sistema de axudas destinado a asociacións que empregaba o anterior goberno provincial, ao detectarse determinados casos cuxos fondos foron empregados para "subvencionar indirecta e irregularmente competencias propias dos concellos, fundamentalmente do PP, e outras moitas que nin lle competen á institución provincial nin ós propios concellos, xa que lle corresponden a institucións como a Xunta de Galicia ou a igrexa".
Segundo informou o goberno provincial, a través do PAC o ex presidente Louzán chegou a repartir recursos da Deputación "para reparar ‘necesidades’ como tellados de igrexas, andas de imaxes relixiosas, adquirir menaxe para cociñas, mercar sinais de tráfico, crear zonas de esparexemento, o incluso procurar a mellora dos biótopos de coellos". Tamén chegáronse a realizar a través do PAC obras municipais (ampliacións de camiños, parques infantís, construcións de aseos e mellores en centros sociais municipais, etc.), a maioría delas sen licenzas e de xeito irregular.
Amais, o 20% do reparto do millón de euros do PAC facíao directamente o ex presidente por libre disposición, entre outros, "a certas agrupacións (que non asociacións) de veciños achegados ó PP ou militantes deste partido, moitas delas cun mínimo de tres veciños, sen CIF e sen estar constituídas como asociación".
O 80% restante, a través dunhas bases de pública concorrencia, "tiñan como protagonistas ós ‘conseguidores’, concelleiros populares que actuaban nos concellos onde non gobernaban como intermediarios entre a Deputación e as asociacións. É máis, os xefes de servizo denunciaron que as resolucións tiñan que facerllas chegar antes ó ‘conseguidor’ que o solicitante".
O reparto tiña, segundo denuncian "un claro criterio político e un sistema de reparto aleatorio e sen control", que en numerosas ocasións tivo que ser "freado" polos técnicos da Deputación, e que provocou nos últimos anos que moitas asociacións tiveran que acabar por devolver os cartos de estas inversións en tanto "non eran capaces de xustificar adecuadamente a mesma".
Por todo elo, o novo goberno da Deputación de Pontevedra "decidiu romper con esta dinámica clientelar" do reparto de fondos públicos, para trasladar estes fondos dun millón de euros do antigo PAC ó Plan Concellos, un plan "equitativo e equilibrado".