Poio e Bueu reciben novas achegas da Deputación
Por Redacción
O Plan Concellos desenvolvido pola Deputación vén de aprobar dúas novas achegas ao Concello de Poio ao abeiro do Plan Concellos 2016 e, máis en concreto, dentro da liña 1 que o plan dedica a investimentos.
Un total de 47.000 euros que o concello recibirá con motivo do subministro dun camión lixeiro con caixa basculante e á instalación dun guindastre e, por outra banda, 30.716,13 euros que Poio destinará ao acondicionamento das instalacións deportivas municipais, isto é, 77.716,13 euros entre ambas as dúas.
Ata agora o Plan Concellos xa entregou as seguintes achegas:
- Na liña 1, 408.695,04 euros destinados ao subministro de varios vehículos, á ampliación das infraestruturas de saneamento nun tramo da estrada PO-308, á mellora dos servizos na rúa de Combarro, ás melloras dos saneamentos da rúa Convento e da avenida A Seca (na PO-308) e á restauración da cuberta e a conservación da fachada e da terraza do edificio de servizos.
- Na liña 2, 123.354,22 euros para sufragar gastos correntes.
- Na liña 3 outros 37.662,27 euros para a XVI Festa do Mar, o VI Triatlón "Porto de Campelo”, o VII BTT "Concello de Poio”, a II Carreira Popular "Activa Combarro”, o X Duatlón Cross "Concello de Poio” e a XXIX Festa da Ameixa.
- Por último, 214.284,56 euros para a contratación de 30 traballadores que desempeñan as súas labores nos servizos municipais.
No que levamos de 2016, o Plan Concellos xa concedeu o 94,1% do total destinado a Poio, situando neste momento o investimento na vila en 944.986,55 euros.
BUEU ACADA O 100% DO PLAN CONCELLOS
A institución provincial tamén aprobou, mediante resolución presidencial, a achega que completa o investimento outorgado a Bueu dentro do Plan Concellos 2016.
Esta última axuda correspóndese coa pavimentación de catro camiños municipais: As Meáns, o Camiño da Morada no lugar de Meiro, un camiño en Sar na parroquia de Cela e o Camiño do Couto. Esta partida de 42.000 euros forma parte da liña 1, investimentos, do Plan Concellos.
O resto de axudas enmarcadas neste plan son as seguintes:
- 535.015,09 euros na liña 1 para a subministración de luminarias que melloren a eficiencia enerxética do casco urbano, a ampliación da rede municipal de saneamento entre Castelo e Pousada, na parroquia de Cela, o subministro dunha varredora aspiradora e a restauración da banda do río e carpintería na ribeira do estaleiro de Purro.
- Ademais, 26.000 euros en liña 3 para sufragar a Festa do Polbo
- Por último, 133.633,85 euros na liña 4 de emprego destinados á contratación de 30 traballadores.
O 100% no grao de execución do Plan Concellos 2016 en Bueu supón un investimento para a vila de 736.977,09 euros.
Relacionadas:
-
Nova capa de rodadura para catro camiños de Bueu
Por Redacción |
-
Recta final das obras no vial da Torre co asfaltado da estrada
Por Redacción |
-
O goberno provincial revela que Louzán repartía sen control fondos da Deputación a "conseguidores" do PP
Por Redacción |
-
Cuntis, A Illa e Vilagarcía reciben axudas da Deputación para actividades sociais
Por Redacción |