Atropelado un neno de dous anos en Portas por un turismo que manobraba cara atrás
Por Redacción
Un neno de dous anos de idade sufriu fractura de tibia e peroné, segundo os primeiros datos médicos, tras sufrir un atropelo ao redor das 9.30 horas na contorna da gardería da Galiña Azul nos arredores do edificio da antiga azucreira de Portas.
O turismo que golpeou ao menor realizaba unha manobra de marcha atrás sen que a persoa que o conducía se decatase da presenza do menor. Ata o lugar trasladáronse axentes da Garda Civil de Tráfico, membros de Protección Civil de Portas, o GES de Valga e foron alertados tamén os bombeiros do Salnés, segundo informou o servizo de Emerxencias do 112.
Unha ambulancia de Urxencias Médicas levou a cabo o traslado do neno ata o Hospital Montecelo onde se lle atende dos danos sufridos na perna.