A Lama oculta os colectores do lixo
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
Os colectores de lixo da Lama estrean estes días un novo sistema de ocultación. Están cubertos por estruturas de madeira dentro dun proxecto posto en marcha polo Concello para corrixir o feísmo visual que ofrecía no centro urbano a presenza dos depósitos.
A actuación forma parte do proceso de humanización do centro da Lama e consiste en integrar mellor estes depósitos á vez que se mellora a seguridade viaria e se facilita a recollida selectiva de residuos sólidos urbanos.
Segundo informou o Concello, unha ducia de illas de madeira xa oculta á vista do público e os visitantes os colectores de lixo, co cal melloran substancialmente a imaxe que ofrece o centro urbano. Así mesmo, ao estar estes depósitos de recollida selectiva de residuos sólidos urbanos protexidos ofrecen unha maior seguridade viaria, xa que en momentos de temporal resulta máis fácil a súa ancoraxe e evitan que poidan desprazarse e invadir o viario público.
Por outra banda, con esta medida mellórase o sistema de recollida selectiva de residuos sólidos urbanos co fin de que o cidadán poida ter concentrados os colectores e, desta forma, facilitar unha maior concienciación á hora de depositar o lixo. Un destes sistemas foi colocado na entrada lateral do colexio co fin de que os residuos producidos polo comedor escolar poidan contar tamén cun sistema de recollida selectiva.