Sanidade avaliará as posibilidades da antiga comandancia de Vilagarcía como centro de saúde
Por Redacción
A Consellería de Sanidade desprazará un técnico ao Concello de Vilagarcía para avaliar sobre o terreo as posibilidades da antiga Comandancia da Mariña como centro de saúde. Así se comprometeu este luns o conselleiro, Jesús Vázquez Almuiña, co alcalde, Alberto Varela, na reunión que ambos mantiveron en Santiago.
O alcalde saíu "moderamente satisfeito" da reunión e agradeceu, en todo caso, que o conselleiro, ao que convidou a que visite a cidade, lle dera a oportunidade de explicarlle as reivindicacións locais e mesmo comarcais respecto de dous temas de suma importancia en materia de atención sanitaria.
Así, Vázquez Almuíña demostrou ter coñecemento do acordo plenario no que se reclamaba o cumprimento do protocolo asinado no seu día entre a Autoridade Portuaria e a propia Consellería para converter a comandancia no gran centro de saúde que a cidade precisa. Neste sentido, o conselleiro anuncioulle ao alcalde que en breve enviará un técnico para avaliar in situ esas instalacións.
Para iso, Alberto Varela se dirixirá á Autoridade Portuaria a fin de que facilite esa visita ao edificio, inspección á que quere asistir tamén o concello. Ao tempo, e unha vez pasadas as eleccións xerais, o rexedor reclamará formalmente ao Ministerio de Defensa que reverta ese edificio ao Concello, lembrando que a cesión á Autoridade Portuaria foi en precario.
Na mesma xuntanza, o titular de Sanidade anunciou que a cidade contará cunha segunda ambulancia de servizo durante 12 horas diarias todo o ano, mentres que a unidade medicalizada de Sanxenxo seguirá prestando servizo a toda a comarca do Salnés.