O fiscal antidroga pide á Audiencia que valore a repercusión de suspender a entrada en prisión de oito narcos arousáns
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
No banco dos acusados da Sección Segunda da Audiencia de Pontevedra sentaron este martes oito persoas acusadas de tráfico de drogas na comarca de Arousa. Todos eles recoñeceron a súa autoría nuns feitos ocorridos no ano 2007, aceptando unha rebaixa substancial nas penas.
O tempo transcorrido desde a comisión dos feitos, case unha década, foi contemplado neste acordo como unha dilación indebida na tramitación do proceso, converténdose nunha atenuante.
O fiscal especial antidroga, Luís Uriarte, explicou que entre as razóns deste atraso atópanse a falta de medios e que se tramitou mal.
Ante estas circunstancias o Ministerio Fiscal ofreceu un acordo a todas as partes para recoller ese transcurso do tempo e a confesión dos acusados, a cambio da rebaixa nas condenas.
Así, o principal acusado J.C.T.G., aceptou unha pena de cinco anos de prisión, e todos os demais catro anos e medio de cárcere excepto dous anos de prisión para dúas deles. Con multas que van desde 75.000 euros e de comiso de vehículos, diñeiro e demais.
A única diferenza entre as partes é que os avogados da defensa pediron a suspensión das penas para evitar que entren en prisión, alegando os letrados o consumo de drogas dos seus defendidos, a súa rehabilitación, a súa reinserción na sociedade e que era para eles o seu primeiro delito.
Pola súa banda o fiscal Luís Uriarte, rexeitou esta suspensión da execución das penas pola gran cantidade de droga que movían os acusados que "non era para satisfacer o seu autoconsumo", ademais ningún deles era toxicómano. Tamén entende que os maxistrados teñen que ter en conta a "gravidade dos feitos e máis nunha zona tan conflitiva como a comarca de Arousa" polo que se preguntou "fraco favor faríaselle á sociedade" se estes acusados por tráfico de droga nestas cantidades non entran en prisión. Polo que lle pide ao tribunal que teña este feito en consideración "polo impacto que produciu na sociedade" e a prevención xeral, é dicir, "se vai animar a outras persoas para cometer delitos vendo este resultado".
FEITOS PROBADOS
En virtude deste acordo decláranse como "feitos probados" que en decembro de 2006, o principal acusado J.C.T.G., veciño de Vilagarcía de Arousa e con antecedentes penais non computables a efectos de reincidencia, concertou unha cita cos tamén imputados I.H.H. e J.L.S.D., con domicilio na localidade de Alcoy (Alacante), "coa exclusiva finalidade " de venderlles cocaína que estes "ían destinar á venda polo miúdo".
Tras realizarse a transacción, os alacantinos emprenderon a viaxe de volta en cuxo transcurso, ao realizar unha parada na estación de servizo de Xinzo de Limia (Ourense), foron detidos por axentes da Garda Civil que en todo momento estaban a controlar os seus movementos.
Requisándoles un paquete que contiña 1.001,400 gramos de cocaína, cunha pureza do 78,99%, o que supón un total de 791 gramos de cocaína reducida a pureza, que alcanzase no mercado ilícito o prezo de 36.612,71 euros.
Outro dos procesados M.P.P. veciño de Baión, é un colaborador do principal acusado na venda e distribución de cocaína, ao que a Garda Civil púidolle intervir a cantidade de 257,400 gramos de cocaína, cunha pureza do 58,35% e que alcanzaría no mercado ilícito o prezo de 14.217,88 euros.
Entre os adquirentes de cocaína do principal acusado atopábase o tamén imputado J.L.G.L., veciño de Bueu e sen antecedentes penais, o cal, unha vez adquirida a droga, dedicábaa á súa venda en pequenas doses entre os consumidores finais do produto. Este individuo foi detido por axentes da Garda Civil nas proximidades do poboado chabolista de O Vao (Poio) cando portaba a cantidade de 17.800 euros que estaba destinada á adquisición de medio quilo de cocaína que lle ía a vender o imputado J.C.T.G, co que concertara a venda o día anterior.
Parte da cocaína que o principal acusado vendía, éralle fornecida polo tamén imputado F.R.V., con domicilio na localidade de Rubiáns, (Vilagarcía). Desta maneira, sobre o día 6 de marzo de 2007, ambos os imputados foron sorprendidos na zona do Campo da Lomba de Vilagarcía incautándolles no maleteiro do vehículo a cantidade total de 1.996,60 gramos de cocaína, cunha pureza do 69,47%, o que supón un total de 1.387,03 gramos de cocaína reducida a pureza e que puidese alcanzar no mercado ilícito o prezo de 64.200,85 euros se fose vendida por quilos, sustancia esta que ía ser destinada á súa venda ilícita entre os consumidores finais do produto.
Tamén foron condeados N.G.G., M.A.A.P. e J.P.V. como responsables civís subsidiarios.