A campaña contra o lume amplía vixilancia e introduce máis drons
Por Redacción
O xefe territorial de Medio Rural en Pontevedra, Antonio Crespo, e o subdelegado do Goberno na provincia, Antonio Coello, presidiron este mércores, na planta novena do Edificio Administrativo da Delegación Territorial da Xunta en Pontevedra, o Comité de Coordinación Policial Contra Incendios de cara a posta en marcha de actuacións conxuntas para previr os lumes e loitar contra a actividade delituosa incendiaria que se prolongará ata o vindeiro 30 de setembro.
Na xuntanza estiveron presentes membros do departamento territorial de Medio Rural, da Policía Autonómica e Nacional e responsables da Garda Civil e do Exército, así como o xefe do Servizo de Incendios de Pontevedra, Manuel Francisco.
Durante o encontro, presentáronse os distintos medios cos que se contará na loita contra o lume, así como as competencias que cada un deles terá en relación co Pladiga 2016.
Ademais, avaliáronse os plans operativos na provincia e coincidiuse en levar a cabo unha actuación que cubra todas as frontes necesarias: detección, disuasión, investigación e extinción.
No caso da provincia de Pontevedra, quedaron tamén designadas as Zonas de Especial Vixilancia (ZEV) dentro de cada distrito forestal sobre as que se intensificará a vixilancia da Policía Nacional e Autonómica e da Garda Civil. Establecéronse tamén as Parroquias de Alta Actividade Incendiaria (PAAI). Catorce concellos pontevedreses concentran dezasete parroquias destas 79 PAAI fixadas en toda Galicia.
Este ano, cabe destacar, como novidade, a posibilidade de que as patrullas terrestres poidan despregar vehículos aéreos non tripulados, coñecidos como capacidades de vixilancia RPAS.
O dispositivo contra incendios previsto para a provincia de Pontevedra este ano é similar, en liñas xerais, ao do pasado ano no relativo a números de efectivos. Deste xeito, estará formado polas brigadas autonómicas e municipais –un total de 103 repartidas en 62 concellos, 6 delas nas bases helitransportadas-, os parques de bombeiros, a Unidade Militar de Emerxencias (UME) e os novos Grupos Supramunicipais de Emerxencias (GES).
A estes efectivos sumaranse os membros da Garda Civil do Seprona, a Policía Nacional e Autonómica e membros dos equipos de investigación, así coma helicópteros e hidroavións do Estado. O despregue do corpo de Cabalería da Garda Civil comezou o pasado 1 de xuño en Tui e unirase cando comece o dispositivo xeral á Cabalería da Policía Nacional.
CONCIENCIACIÓN DA SOCIEDADE
Tanto os responsables autonómicos como os estatais, acordaron trasladar de novo un chamamento á colaboración da cidadanía. “A axilidade para alertar dun lume é o maior aliado á hora de evitar danos maiores”, advertiu Antonio Crespo, quen ademais apelou á responsabilidade dos cidadáns para que extremen as precaucións e denuncien calquera actividade delituosa incendiaria da se teña coñecemento para, así, “conseguir a máxima contundencia legal cos que prenden lume ao patrimonio natural dos galegos”.
Neste senso, establecéronse os niveis de coordinación e transmisión de información co fin de atallar a intencionalidade dos lumes dentro da Comisión Provincial de Coordinación Policial de Loita contra os Incendios Forestais, ademais de que se fixaron as zonas asignadas ao Exército, á Policía Autonómica, Nacional e Garda Civil. Ademais, seguirase a colaborar coa Fiscalía na investigación dos sinistros e continuarase co mantemento da vixilancia no relativo ao cumprimento da Lei 3/2007 de prevención de incendios en Galicia mediante inspeccións periódicas e sancións a todos aqueles que a incumpran.