Os bucaneiros invaden Pontevedra na segunda Noite Pirata
Por Redacción & Diego Torrado
A base de canonazos e bravatas corsarios e bucaneiros encheron de colorido as rúas de Pontevedra durante a noite do martes de entroido na segunda edición da "Noite Pirata".
Dúas embarcacións, o Burla Negra e o Morning Star, apoderáronse do centro da cidade escenificando unha espectacular batalla en memoria do famoso pirata pontevedrés Benito Soto.
Dende a Praza de España as naves percorreron parte do centro histórico ata encontrarse na Praza da Ferrería rematando a representación coa abordaxe do Morning Star.
Da animación encargáronse tamén as comparsas Os da caña, Solfamidas, Las flores del carnaval, Os paparrulos, A Esmorga, Val do Lérez, Clave de Sol e Vamos a todo.