Catorce establecementos hostaleiros participan na segunda edición de Caldelas Tapas
Por Redacción
Catorce establecementos hostaleiros participarán na segunda edición de Caldelas Tapas, o certame gastronómico deseñado polo goberno local de Ponte Caldelas para impulsar a hostalería durante o mes de xullo.
Caldelas Tapas crece nesta segunda edición dende os 9 aos 14 locais a causa do éxito de público do ano pasado, cando se rexistrou unha afluencia moi superior á agardada. Desta volta súmanse en torno ao 90% dos hostaleiros da vila. Ademais, de acordo con eles, adiántase ao mes de xullo porque o mes de agosto conta xa cunha programación moi intensa.
O momento para gozar da sempre atractiva oferta culinaria da hostalería caldelán serán todos os seráns e noites dos venres do mes de xullo, é dicir durante os próximos días 1, 8, 15, 22 e 29, en horario de 20.00 a 00.00 horas. As tapas ofrécense a un prezo único de 2,50 euros.
A presentación do concurso gastronómico celebrouse no salón de plenos da Casa do Concello, acondicionada para a ocasión e cunha exhibición das 14 tapas que concorrerán a esta cita, deseñada para enxalzar o potencial turístico da capital do Verdugo.
O cartel anunciador incorpora tamén este ano fotografías a cor de todas as creacións culinarias, co obxectivo de que os clientes teñan unha idea moi acaída do que poden atopar en cada establecemento.
Andrés Díaz indicou que o Caldelas Tapas acadou un nivel moi alto o ano pasado, cando se puideron probar pratos exquisitos, polo que agarda que este ano, con máis competencia gracias á incorporación de novos locais, a oferta sexa aínda máis tentadora porque Caldelas Tapas aposta, fundamentalmente, pola calidade.
Os 14 establecementos hostaleiros que participan nesta segunda cita de Caldelas Tapas son Cafetería Aries, Casa Fidel, Cervexaría Alameda, O Greco, Mesón Parada, Acuña, Pecas, Verdugolandia, Casa 501, O Recanto, A Fonte, bar Puente, O Castilla de Vilarchán e Panadería Martínez.
A dinámica do concurso mantense. Os consumidores votarán cada unha das tapas outorgándolle entre 1 e 5 puntos. A que obteña unha maior puntuación acumulada acreditará ao local gañador desta segunda edición do Caldelas Tapas.
O público terá a oportunidade de gañar un vale de compra por valor de 100 euros no comercio local. A recompensa será sorteada entre todos os que teñan conseguido o reto de selar a cartilla do Caldelas Tapas nos 14 locais participantes.
Relacionadas:
-
Caldelas Tapas superou as 6.000 unidades vendidas e xerou un movemento económico de 15.000 euros
Por Redacción |
-
Estas son as trece propostas da segunda edición de Caldelas Tapas
Por Redacción |
-
Unha decena de hostaleiros compiten no "Caldelas Tapas"
Por Redacción |
-
Concello e hosteleiros acordan organizar o primeiro "Caldelas Tapas"
Por Redacción |