Ollares da Ría e Taberna de Caneliñas, gañadores do certame Sanxenxo Degusta Tapas
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
A sétima edición do concurso Sanxenxo Degusta Tapas xa ten gañadores. E un, de forma indiscutible. Ollares da Ría fíxose co premio do público nas tres categorías e co outorgado polo xurado profesional para as tapas creativa e doce. Na categoría de tapa tradicional, o premio é para Taberna de Caneliñas.
A zamburiña sobre crema de pataca e cebola confeitada, o rissotto terra, mar e aire e a sopa de chocolate branco con xeado son as tres propostas coas que Ollares da Ría conquistou ao numeroso público que degustou as especialidades que este establecemento presentou a concurso.
O ditame dos consumidores, que se rexe exclusivamente polo seu padal, coincidiu co dun xurado integrado maioritariamente por profesionais da cociña, excepto nunha tapa, a tradicional, na que o solombo de porco asado a lume de cana de Taberna de Caneliñas desbancou a Ollares da Ría.
Os organizadores detectaron este ano un considerable incremento de participación na presente edición que se traduce en máis de 22.000 tapas vendidas, fronte ás 15.000 do pasado ano, o que fai coincidir aos establecementos hostaleiros en que o concurso Degusta Tapas é un produto dinamizador fóra da tempada alta.
"Dende a organización queremos agradecer a implicación e o bo facer dos 36 establecementos que se sumaron a esta convocatoria por contribuír coa súa profesionalidade a confirmar de novo que a marca Sanxenxo é sinónimo de calidade", sinalou o concelleiro de Turismo, Jesús Sueiro.
Pola súa banda, os galardóns outorgados na quinta edición de Sanxenxo Degusta Drinks, á que se sumaron oito locais, recaeron en Pub Horus Sanxenxo, elixido polo xurado popular nas súas dúas propostas, con alcol e sen el, e no Dorsia, cuxos dous cócteles foron seleccionados polo xurado profesional.
O alcalde de Sanxenxo, Gonzalo Pita, entregará nos próximos días os diplomas aos gañadores de ambos os concursos, á vez que Turismo de Sanxenxo dará a coñecer os nomes das persoas que premiadas nos sorteos de agasallos.