Detido por ameazar e insultar a súa parella na rúa e por teléfono mentres a Policía escoitaba
Por Natalia Puga
A Policía Local de Pontevedra detivo na noite do martes 12 de febreiro a un home como autor dun delito de violencia de xénero por supostamente ameazar e insultar á súa parella en plena rúa e por teléfono.
Axentes municipais escoitaron directamente os graves insultos e ameazas realizados por teléfono porque no momento en que se realizaron a suposta vítima estaba na Xefatura da Policía Local para denunciar a primeira agresión verbal e deixou o teléfono en modo mans libres para que escoitasen o policías.
A secuencia dos feitos comezou sobre as 23.30 horas da noite do martes. Unha muller de 30 anos chegou á Xefatura da Policía Local acompañada dun grupo dunhas catro ou cinco persoas máis e relatou que acababa de ser vítima dun delito de violencia de xénero.
A rapaza relatou que minutos antes se encontraba na avenida da Coruña cando a súa parella empezou a insultala e ameazala gravemente e, nun momento dado, chegou a empurrala. Ela fuxiu do lugar correndo e cruzouse cun grupo de persoas ás que contou o que acababa de pasar e lle pediu que a acompañasen á Policía.
Todos acudiron á Xefatura da Policía Local e a muller denunciou o sucedido e achegou os datos do seu suposto agresor, así como os datos da furgoneta na que el circulaba.
Unha patrulla policial localizouno nun punto da cidade e, paralelamente, a muller seguía nas dependencias policiais. Estando alí, o home telefonouna entre sete e oito veces. Todas as chamadas as puideron escoitar os axentes que estaban de garda porque ela puxo os mans libres e o home ameazouna, insultouna, reprochoulle que lle debía diñeiro e chegou a insinuarlle que contrataría a 'matóns' para que fosen a por ela.
Constatados estes feitos, puxéronse en coñecemento da patrulla policial que localizara o vehículo do presunto agresor. Os axentes procederon á detención do home, de 53 anos, á altura de San Vicente de Cerponzóns por un delito de violencia de xénero.
O arrestado foi trasladado á Comisaría da Policía Nacional, onde pasou a noite antes da súa posta disposición do Xulgado de Instrución número 3 de Pontevedra, en funcións de garda.
O 016 é o teléfono de atención a vítimas de violencia de xénero. ÿ gratuíto e non deixa rastro na factura telefónica.