Todo preparado para o comezo da Escola Pública de Igualdade María Vinyals
Por Redacción
Colectivos e asociacións de mulleres de toda a provincia asistirán este luns 27 de xuño á presentación da Escola Pública de Igualdade María Vinyals, que terá o seu primeiro acto público dous días despois no Castelo de Soutomaior, onde terá a súa sede permanente.
A Escola Pública de Igualdade María Vinyals é unha "clara aposta" da Deputación de Pontevedra en materia de igualdade, incorporación recente en canto a competencias directas da institución provincial.
A creación desta escola, segundo o goberno provincial, forma parte dos esforzos por impulsar a igualdade efectiva de oportunidades entre mulleres e homes, na que a formación xoga un papel fundamental. Deste xeito, preténdese dotar á cidadanía dos coñecementos necesarios en materia de igualdade, permitindo que estes se integren nos eidos tanto persoal como profesional.
As accións formativas da escola están destinadas ao persoal técnico da administración local, ás persoas profesionais que traballan na loita contra a violencia machista e as mulleres electas da provincia de Pontevedra, reservando ademais un 20% das prazas a persoas en situación de desemprego.
A xornada inaugural do mércores -para a que o prazo de inscrición seguirá aberto ata o luns- contará coa presenza de diversas poñentes e xornalistas que moderarán as mesas de debate despois da intervención da presidenta da Deputación, Carmela Silva, e a benvida da presidenta de Diario de Pontevedra, Blanca García Montenegro.
Ás 10:30 horas, a historiadora da Universidade de Santiago Silvia Cernadas falará de María Vinyals e "A loita pola igualdade hai 100 anos", moderada pola redactora xefa do Atlántico Diario Ana Fuentes. Despois será a quenda de Rosa Cobo, profesora de socioloxía do xénero e directora do Centro de Estudos de Xénero e Feministas da Universidade da Coruña, quen falará a partires das 11:00 horas do "Movemento feminista, políticas de igualdade e capitalismo global" coa moderación da xornalista de PontevedraViva Marisa Ciordia.
A seguinte intervención será a de Amelia Valcárcel, filósofa feminista e membro do Consello de Estado, dende as 12:45 horas. Moderada por María Díaz, xornalista de Radio Vigo, a súa ponencia leva por título "A democracia dos valores: a axenda da igualdade". Irene Bascoy, directora de Galicia de Faro de Vigo, moderará a intervención "Violencia de xénero: Novas realidades e vellos discursos" impartida pola técnica e asesora en políticas de Igualdade na Deputación de Barcelona Maribel Cárdenas, a partir das 13:30 horas.
Xa pola tarde terán lugar os obradoiros que presentará a xornalista de La Voz de Galicia Susana Luaña: "En Rede: Respostas profesionais á violencia de xénero" (tamén por Maribel Cárdenas), "Rede de liderado mulleres electas" (a cargo de Lourdes Muñoz, presidenta de Dones en Xarxa e fundadora de Iniciativa Barcelona Open Data) e "Perspectiva de xénero nas políticas locais" (por Magdalena Castellanos, profesional experta na aplicación da igualdade de oportunidades a organizacións laborais e administracións públicas).
A escola recibe o seu nome da Marquesa de Ayerbe, María Vinyals, que dende o seu nacemento no Castelo, en 1875, destacou polo seu activismo na prensa a prol da igualdade de dereitos das mulleres, ademais de impartir conferencias por toda Galicia nas que se valeu da súa posición social para facer chegar a súa mensaxe e darlles voz ás mulleres.
Ademais, a escola conta cunha imaxe creada por Bárbara Allende Gil de Biedma, Ouka Leele, fondamente comprometida coa igualdade e os dereitos humanos das mulleres e autora de multitude de performances en defensa da erradicación da violencia de xénero. Ouka Leele foi a gañadora do Premio Nacional de Fotografía en 2005 e dende 2014 forma parte do xurado das artes do Premio Princesa de Asturias, entre outros méritos.
A Escola de Igualdade María Vinyals é a primeira escola para mulleres electas de Galicia e unha das poucas existentes en España, sumándose á Virginia Woolf Basqueskola do País Vasco ou ao Instituto de Formación Política para Mujeres impulsado pola Deputación de Barcelona.
Relacionadas:
-
As mesas contra a violencia de xénero de 26 concellos intercambian boas prácticas
Por Redacción |
-
Abre as súas portas a Escola de Igualdade María Vinyals
Por Redacción |
-
A Deputación visibiliza o seu compromiso coas políticas de igualdade
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
"A marquesa Vermella" dará nome á Escola de formación en igualdade para mulleres electas
Por Oskar Viéitez |