Detido un home por rebentar unha máquina expendedora
Por Oskar Viéitez
Na madrugada deste mércores, a Policía Local de Pontevedra procedeu a detención dun home de 40 anos de idade por roubo con forza.
Segundo informaron fontes oficiais da xefatura da Policía Local, ao redor das 02:40 horas, na praza de Valentín García Escudero, un forte ruído alerta aos veciños que chamaron á Policía Local. Unha testemuña facilitou aos axentes a descrición dun home de media idade que momentos antes rompera un cristal dunha máquina expendedora na citada praza.
De xeito inmediato desprázanse ata o lugar dúas patrullas que lograron interceptar, nas inmediacións da citada praza, a un home que coincidía coa descrición facilitada pola testemuña.
Esta persoa, un home de 40 anos de idade, recoñeceu ante os axentes municipais que momentos antes forzara, cunha pedra, a máquina expendedora na rúa Valentín García Escudero. Na mochila que levaba os policías atoparon numerosos artigos (141) procedentes da máquina expendedora.
Ante estes feitos a Policía Local de Pontevedra procedeu, unha vez lidos os seus dereitos, a detención do home por un presunto delito por roubo con forza.