Comezan os traballos de limpeza nas beiras do río Pintillón en Sanxenxo
Por Redacción
Unha empresa especializada, contratada por Augas de Galicia, comezou os traballos de roza do río do Pintillón, coñecido tamén como Rego de Dorrón.
Segundo informa o Concello de Sanxenxo, a acumulación de maleza xeraba nos días de choiva inundacións nas leiras lindeiras ocasionando danos aos seus propietarios. Esta actuación está a levarse a cabo na parte final da canle deste rio que discorre polo municipio de Sanxenxo.
Desta forma están a realizarse traballos nos que só se está eliminando a vexetación que impide o fluír natural do río. Esta actuación súmase a outras xestionadas pola concellería de Medio Ambiente, que dirixe Coral González-Haba, permitindo a limpeza e acondicionamento dun tramo de 1.200 metros do río Besada. Un espazo que foi ampliado e que serviu para recuperar unha senda peonil paralela ao río para goce dos veciños.