O bus iFala aparca en Pontevedra para dar a coñecer ás Irmandades
Por Oskar Viéitez
O colectivo Ora galega trae a Pontevedra a súa exposición itinerante arredor das Irmandades da Fala co gallo do seu centenario. Este sábado aparcará na Praza de Ourense un autobús de duplo andar co nome iFala que é o contedor da exposición.
A iniciativa conta con soporte dixital a través dunha App e dunha web.
Vitor Vaqueiro do colectivo Ora galega explicou que a mostra reproduce dun xeito moi sinxelo a "liña do tempo desde os Mártires de Carral até o golpe de 1936", todo dende unha perspectiva moderna e innovadora, dando mostra de que o seu legado está vixente e pode interesar tamén á xente nova.
De facto, o autobús incorpora materiais interactivos e tamén música. Unha peza interpretada polo colectivo arte-terrorista Poetarras, guionizada por Illa Bufarda e no que colaboran facianas ben recoñecíbeis da escena galega como De Vacas, Ses, Isabel Risco ou David Amor.
O autobús está a percorrer toda Galicia e rematará o 9 de xullo en Santiago de Compostela.