Investigan un veciño de Marín por suplantar a identidade doutra persoa para evitar as multas
Por Redacción
Un veciño de Marín de 27 anos está a ser investigado pola Garda Civil por suplantar a identidade doutra persoa para evitar sancións relacionadas coa seguridade viaria e co consumo de drogas na vía pública.
As investigacións da Garda Civil iniciáronse a partir do momento no que un veciño do termo municipal da Guarda denuncia que estaba a recibir no seu domicilio notificacións de expedientes multas por delitos cometidos na zona de Pontevedra.
As investigacións levadas a cabo polo Grupo de Investigación e Análise (GIAT) do Subsector de Tráfico da Garda Civil de Pontevedra permitiron localizar á persoa que supostamente estaba a facilitar os seus datos persoais falsos para eludir o pago das multas.
Segundo informaron fontes oficiais do Instituto Armado, cando finalmente é localizado pola Garda Civil de Tráfico, unha vez máis, pretendeu enganar aos axentes no momento da súa identificación: aduciu que non levaba ningún documento identificativo e, novamente, facilitou o nome do mesmo veciño da Guarda.
No momento da súa localización, ía acompañado dun amigo que lle corroborou os datos persoais que facilitara á Garda Civil, aínda a propósito da súa falsidade.
En consecuencia, o GIAT da Garda Civil de Tráfico instruíu as oportunas dilixencias xudiciais, acusando a estas dúas persoas, en calidade de investigados, como supostos autores dun delito de usurpación de estado civil, das que entende o Xulgado de Instrución de garda de Pontevedra.