PP e BNG únense para manter o contrato de arrendamento da Praza de Touros
Por Redacción
O pleno do mes de xuño do Concello de Pontevedra celebrouse o primeiro de xullo e marcado polo límite de tempo. A celebración do festival Novos Cinemas obrigaba os membros da corporación a non exceder as tres horas e media de duración do debate. Malia todo, quedaron a segundos de superar ese tempo límite. Desde as 11.00 horas ata as 14.25 horas, os concelleiros encerelláronse nunha batalla dialéctica en todos os puntos da orde do dia. "Enredamonos en todas as silveiras" sinalaba o portavoz socialista, Agustín Fernández, nun momento da sesión, que era emitida por streaming.
Coa lectura da declaración institucional de felicitación ao triatleta Javier Gómez Noya por lograr o Premio Princesa de Asturias iniciouse o pleno que entrou nun debate sobre a interposición do recurso contencioso-administrativo ante o Ministerio de Medio Ambiente pola concesión da prórroga de Ence.
A concelleira nacionalista Carme da Silva denunciou a falta de transparencia por parte do goberno central en relación a este punto mentres que o portavoz do PP, Jacobo Moreira, insistiu na necesidade de máis traballo e máis industria para Pontevedra. O representante popular entrou nun debate co alcalde Miguel Anxo Fernández Lores, quen criticou o cambio de postura dos populares durante os últimos anos respecto da presenza da fábrica en Lourizán. O punto foi aprobado cos votos do BNG, PSOE e Marea. Cidadans votou en contra, co PP, ao entender que carece de sentido presentar un recurso administrativo que "está perdido de antemán".
Tamén se aprobou a petición á Xunta de Galicia de que asuma a unidade de atención a persoas drogodependentes cos votos en contra do PP e a abstención de Cidadans. O debate continuou coa proposición do BNG de crear un centro de atención continuada para persoas sen teito. Os enfrontamentos xurdiron porque este servizo sería atendido pola organización Rexurdir e a falta de datos, segundo a oposición, sobre este convenio. O punto foi aprobado finalmente por unanimidade
A intervención do concelleiro do PP, Tomás Abeigón, na moción presentada polo seu grupo para que o Pavillón dos Deportes sexa coñecido como Pavillón Alejandro de la Sota, como homenaxe á figura do arquitecto que o construíu, tamén provocou a intervención do alcalde que recriminou ao representante popular a súa extensión e que acusase o concelleiro socialista de promover a "sportfobia". Abeigón respondeulle que se dirixise a el con máis solemnidade e sinalou que se dirixiu sempre con educación ao resto de membros da corporación, ademais de insistir en que aínda quedaba tempo para realizar a súa exposición. A proposta foi retirada ao opoñerse o BNG, PSOE e Marea.
CONTRATO DA PRAZA DE TOUROS
Outro punto de debate intenso alcanzouse coa moción de Marea Pontevedra na que se pedía a anulación do contrato de arrendamento do Concello coa empresa que xestiona a Praza de Touros. Luís Rei, portavoz de Marea, do mesmo xeito que María Rey, de Cidadáns, sinalaron que existen espazos móbiles máis económicos para acoller o torneo medieval da Feira Franca, principal razón que alega o goberno local para manter o contrato coa empresa taurina.
Actualmente, o convenio ascende a máis de 38.000 euros anuais, unha cantidade que se foi rebaixando desde 2014, cando ascendía a 48.000 euros. Carme da Silva indicou que o Consello Aberto da Feira Franca defendera este contrato e atacou a Luís Rei afirmando que Podemos defende as corridas de touros en espazos como Andalucía ou Estremadura. Da Silva indicou que o único grupo da corporación antitaurino era o BNG. Finalmente, a moción foi rexeitada cos votos do BNG e do PP, mentres que Marea, PSOE e Cidadáns votaron a favor.
A unanimidade chegou coa moción de Marea na que propoñía que o Concello ofrecese pases para as atraccións das festas de Santiaguiño e da Peregrina a aqueles menores que pertencen a familias en risco de exclusión.
Con todo, o debate volveu orixinarse con outra moción de Marea Pontevedra na que solicitaba que o Concello tivese un servizo de tres ambulancias para os días de celebración de peñas taurinas. Nesta ocasión, o popular César Abal acusou o goberno local de ser causante de ofrecer aos mozos a única opción de beber e reclamou urinarios públicos durante eses días. Da Silva sinalou que o Concello contrata as ambulancias que demandan os servizos técnicos e que existen urinarios públicos na Alameda. "Se non se usan xa é outro tema", apuntou. A moción foi aprobada finalmente.
César Abal volveu protagonizar outro debate nesta ocasión coa concelleira nacionalista Anabel Gulías en relación á moción presentada polo PSOE sobre a creación dun espazo de aparcadoiro para autocaravanas. A diferenza do goberno local que pretende crear este espazo nunha das antigas parcelas de Tafisa, os socialistas sinalan que a mellor localización sería en Valdecorvos, mentres que o PP aposta por Verducido nas inmediacións ao Pontillón do Castro.
Gulías indicou que nese espazo, ademais de 20 prazas de estacionamento para autocaravanas, crearanse 66 prazas de aparcadoiro nun espazo de 1.870 metros cadrados. Agustín Fernández, portavoz socialista, pediu á concelleira nacionalista que rebaixase o ton da súa intervención e que non desprezase aos veciños ao afirmar que "vai facer o que lle dea a gana" nese terreo de Tafisa. Neste mesmo sentido, César Abal recriminoulle a súa conduta e pediulle que "non se cachondee dos outros concelleiros". A proposta do PSOE foi rexeitada polo BNG e o PP.
Relacionadas:
-
Marea Pontevedra insta o Concello a usar a praza de touros gratis durante o mes da Feira Franca ao ser copropietario
Por Anxo Lourido |
-
O goberno local ampárase no Consello da Feira Franca para xustificar o convenio coa Praza de Touros
Por Redacción |
-
Propoñen crear fichas solidarias nas atraccións das festas para os nenos de familias desfavorecidas
Por Oskar Viéitez |
-
O estacionamento de autocaravanas terá cabida para 18 vehículos
Por Redacción |
-
Para as autocaravanas mellor Valdecorvos que os terreos de Tafisa, segundo o PSdeG-PSOE
Por Redacción |