Fiscalía pide prisión para dúas 'camellas' por trapichear con droga
Por Oskar Viéitez
A Audiencia de Pontevedra xulgará a proxima semana a dúas mulleres acusadas por tráfico de drogas. Para unha delas a fiscal pide catro anos de prisión e multa pola venda de cocaína no Grove. A outra foi detida en Barro cando portaba 400 gramos de heroína presuntamente destinados á venda. O fiscal solicita sete anos e medio de prisión e multa.
O primeiro dos delitos será xulgado na Sección Segunda da Audiencia Provincial. A procesada é unha veciña de Marín duns 27 anos de idade, C. M. G. D. que o 14 de agosto do pasado ano foi sorprendida pola Garda Civil cando transportaba droga no seu Ford Focus cando circulaba pola estrada entre Vilagarcía e Pontevedra, concretamente déronlle o alto na parroquia de Curro.
A droga alcanzaría un valor no mercado ilícito de 54.800 euros. A Fiscalía solicita unha pena de sete anos e medio de prisión por un delito de tráfico de drogas e unha multa de 180.000 euros para esta muller, así como o comiso do vehículo.
Respecto da segunda acusada, tamén foron axentes da Garda Civil quen, nunha actuación na Praza do Corgo do Grove, interceptaron á imputada, M.O.C., cando levaba no bolso de man unha bolsa de plástico precintada con cinta de pegar cunha sustancia branca que resultou ser 10,262 gramos de cocaína, cunha riqueza do 3,1%.
No bolso de man, a imputada portaba entre oito e dez cachiños plásticos, convenientemente recortados, dos que se usan para embolsar pequenas doses de cocaína, coa finalidade de destinala ao mercado ilícito.
As mostras tomadas á imputada e a proba pericial practicada acreditaron que a imputada é consumidora crónica, polo que cometeu os feitos por mor da súa grave adicción a estas sustancias.