O PP denuncia que a Deputación leva meses negándolle un informe sobre o decálogo de actuacións en vías provinciais
Por Redacción
O grupo do Partido Popular na Deputación de Pontevedra levará ao próximo Pleno da Corporación unha moción na que pedirá ao grupo de goberno "consenso" cos alcaldes da provincia e os deputados da oposición en relación co decálogo de actuacións nas estradas provinciais aprobado en Pleno no mes de febreiro e posto en marcha "sen contar" coas administracións locais. Por mor da aprobación deste documento a proposta do BNG os 'populares' pediron que se acordase cos alcaldes, pero non foi así e, ademais, negóuselle un informe de secretaría sobre o mesmo, por iso é polo que decidise levar a moción ao Pleno.
A portavoz provincial do PP, Nidia Arévalo, criticou especialmente tres puntos do decálogo, que as actuacións de modificación de trazado e ampliación da plataforma realizaranse só en estradas cunha intensidade media diaria superior a 3.000 vehículos, que as actuacións de urbanización serán cofinanciadas ao 70% pola Deputación e ao 30% por cada concello e que nas urbanizacións irá aparellada a transferencia aos concellos da titularidade da vía no tramo correspondente, condición que, para Arévalo supón unha "masiva esixencia" na que se están dando "ultimátums aos concellos".
O PP declárase contrario a este decálogo e tras a súa aprobación solicitou un informe do secretario ante a "ilegalidade deste tipo de ultimátums e de esixencias" e sobre o documento en si, pero ata agora non lle contestaron. Elixiron este momento para presentar a súa moción porque xusto anunciáronlles que "non se nos vai informar" e "non imos ter ningún tipo de informe de secretaría nin de ningún técnico". Recibido este anuncio, pedirán que se informe e se debata no Pleno, pero tamén son conscientes de que "visto o visto ao mellor nin siquera temos a sorte de que se poida tratar a moción non pleno", como puideron constatar en sesións anteriores.
O deputado provincial Luís Aragunde, ex acalde de Cambados, mostrouse este mércores moi crítico co goberno bipartito na Deputación porque "neste ano que levamos, é negativo, moi nefasto para a provincia de Pontevedra" e en particular con este decálogo, que considera "unha das actuacións máis aberrantes e que máis prexudican a concellos pequenos". Ao especto, considera que "nótase que a presidenta é de Vigo usa a autopista para desprazarse a Pontevedra" porque "descoñece totalmente cal é a realidade da provincia" e dos concellos pequenos e do interior.
Na súa opinión, "estase dirixindo demasiado a política ás grandes cidades" e este decálogo "discrimina e é un ataque á liña de flotación dos concellos pequenos da provincia". Ademais, con el "estase desnaturalizando a política da Deputación", pois os organismos provinciais "naceron con outro obxectivo", o de axudar ás localidades de menor tamaño e este decálogo "fai moitísimo dano" aos concellos pequenos.
Esta crítica ao documento sobre as vías provinciais tamén se estende á actuación do goberno provincial cara os concellos onde non gobernan o PSOE ou o BNG, pois "nos dá a impresión de que hai un ataque directo aos concellos do Partido Popular" e en relación co actual conflito laboral dos traballadores do parque de maquinaria da Deputación, pois se está descoidando o coidado das estradas provinciais e presentan un "lamentable estado".
Relacionadas:
-
Carmela Silva esixe ao PP que "deixe de mentir" con argumentos "pueriles e sen contido"
Por Alejandro Espiño |
-
Segundo o PP o decálogo das vías provinciais resúmese en "amarás a Vigo e a Pontevedra sobre todos os concellos"
Por Oskar Viéitez |
-
A prioridade peonil rexerá nas estradas provinciais
Por Redacción |