O Grove abre o prazo para a concesión provisional de bancadas e postos na Praza de Abastos
Por Redacción
O Boletín Oficial da Provincia (BOP) publica este xoves a posta en marcha dun procedemento extraordinario para a concesión provisional de bancadas e postos na Praza de Abastos de O Grove.
Trátase dunha posibilidade contemplada no regulamento municipal do mercado pero que non tiña sido posta en marcha ata o de agora.
Este procedemento permite unha adxudicación nun prazo moi curto de tempo dos postos e bancadas que quedaron baleiros nas últimas convocatorias de subasta coa salvedade de que se trata dunha adxudicación “en precario” e será retirada cando se produza a adxudicación definitiva no procedemento ordinario.
Aquelas persoas interesadas poderán informarse do procedemento no “perfil do contratante” da páxina web do Concello do Grove. O prazo remata en cinco días e adxudicación farase á semana seguinte.
A finalidade deste procedemento e garantir a máxima ocupación do mercado no periodo de verán deste xeito non só se contribúe á dinamización deste espazo senón que poñen sobre a mesa posibilidades de ocupación laboral.