Bueu comeza a renovación dos parques infantís
Por Redacción
No marco do Plan de Mellora dos Parques, o Concello comezou xa cos traballos no parque infantil da Praza Massó, no que se está reparando o perímetro e os buratos existentes no pavimento elástico continuo que contaba con varios desperfectos. Dita reparación complementarase coa instalación dun marco perimetral de lousas prefabricadas adheridas ao chan con cola especial.
A continuación, procederase á colocación dunhas lousas no parque Xosé Novas, na parroquia de Beluso, e a reposición de dous columpios que desapareceran do parque a carón do río de Cela. Esta medida tomouse debido ao desgaste das instalacións e á importancia que teñen estes espazos como dinamizadores da aprendizaxe dos máis pequenos, ademais de como elementos de socialización.
Outras actuacións para ir levando a cabo entre o 2016 e o 2017 son a renovación dos parques do paseo da Banda do Río, de Xexide, ademais de crear un novo na aldea de Meiro, nas antigas escolas infantís de Sanamedio e Cabalo, e tamén se solicitará autorización a Portos de Galicia para habilitar un parque no porto de Beluso.
Por outra banda, tal e como xa era compromiso do goberno local, vanse repoñer e ampliar os parques dos colexios de Montemogos, en Beluso, e do CEIP A Pedra Infantil, ademais da creación dun no colexio de A Torre de Cela.
Outro dos eixes deste novo proxecto é o dos parques biosaudables, que se van instalar na zona de Ramal dos Galos e no paseo de Agrelo- Portomaior. Ademais, repoñeranse os aparatos que actualmente se atopan en mal estado na zona de Pescadoira.