Bueu ultima un plan para mellorar os parques do municipio
Por Redacción
Os servizos técnicos do Concello de Bueu elaborarán nos vindeiros meses un plan de mellora e creación de diferentes parques, en tres áreas principais, que son en zonas de uso público e libre, nos centros de ensino, e os biosaudables.
A previsión do goberno é a de ir levando a cabo estas actuacións entre o 2016 e 2017, e por iso se renovarán os parques infantís da Praza Massó, o do paseo da Banda do Río, o de Xexide, ademais de crear un novo na aldea de Meiro, nas antigas escolas infantís de Sanamedio e Cabalo, e tamén se solicitará autorización a Portos de Galicia para habilitar un parque no porto de Beluso.
Por outra banda, tal e como xa era compromiso do goberno local, vanse repoñer e ampliar os parques dos colexios de Montemogos, en Beluso, e do CEIP A Pedra Infantil, ademais da creación dun no colexio de A Torre de Cela.
Outro dos eixes deste novo proxecto é o dos parques biosaudables, que se van instalar na zona de Ramal dos Galos e no paseo de Agrelo- Portomaior. Ademais, repoñeranse os aparatos que actualmente se atopan en mal estado na zona de Pescadoira.