Covelo e Raxó estarán unidas por unha senda para peóns e ciclistas
Por Oskar Viéitez
A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, mantivo este venres unha xuntanza de traballo co alcalde de Poio, Luciano Sobral, na que lle anunciou que proxecta a construción dunha nova senda para peóns e ciclistas entre o lugar do Covelo, na parroquia de Samieira, e Raxó, un itinerario ao longo de 3,7 quilómetros, que completará o percorrido entre estes dous núcleos e que permitirá que os usuarios poidan facer os seus desprazamentos habituais dun modo máis seguro.
A conselleira anunciou o compromiso da Xunta a licitar este ano o proxecto de mellora de seguridade viaria na estrada PO-308, ao seu paso por este municipio, no caso de que o Concello poña os terreos a disposición.
Ethel Vázquez dixo que axilizará ao máximo os traballos, tendo redactado o documento nun mes, pero advertiu que se non se conta cos terreos os prazos serían máis longos, xa que o goberno galego tería que iniciar un procedemento expropiatorio para contar cos terreos afectados.
Este proxecto, que segundo indicou a conselleira é máis ambicioso que o anterior, contará cun investimento duns 800.000 euros que serán achegados polo goberno galego, a través da Axencia Galega de Infraestruturas.
O alcalde de Poio, Luciano Sobral, salientou que con este novo itinerario entre O Covelo e Raxó dáse reposta a una vella reivindicación dos veciños de Poio.
"Para nós é un proxecto moi importante é necesario", dixo Sobral, polo que agradeceu o "esforzo" por deseñar unha senda "moito máis ambiciosa".
Neste senso, precisou que o concello terá que volver a falar con máis veciños para que fagan cesións porque agora son máis os terreos que hai que poner a disposición, pero adiantou que "ímonos esforzar para que os vecinos entendan a importancia desta obra tan demandada, moitas veces por eles mesmos".
Ethel Vázquez lembrou que con este proxecto os vecinos disporán dunha senda segura, "sostible e integrada na paisaxe" no treito da estrada que máis empregan nos seus desprazamentos habituais. Engadiu que tamén se contribúe á vertebración de dúas parroquias, Samieira e Raxó, "e á dinamización turística de toda esta zona, moi concorrida nesta época de verán".
O tráfico da PO-308 ao seu paso por Poio pode incrementarse en 5.500 vehículos ao día en época estival, superando os 19.000 vehículos ao día.