A Festa Gastronómica da Emigración tivo un impacto económico duns 75.000 euros
Por Redacción
Concluída a fin de semana na que Ponte Caldelas acolleu a primeira edición da Festa Gastronómica da Emigración de Galicia, a Xunta de Goberno local fixo este luns balanzo, recollendo os datos rexistrados durante as xornadas de sábado e domingo. As cifras non deixan lugar a dúbidas, pois vendéronse máis de 10.000 racións e foron moitos os milleiros de persoas que pasaron pola vila durante a fin de semana.
O alcalde, Andrés Díaz, non dubidou en cualificar o sucedido como un "éxito absoluto" e así o estimaron tamén os representantes do PSdeG-PSOE, AVP e BNG que integran o goberno local caldelán, reunidos este luns.
A Xunta de Goberno valorou especialmente o ambiente festivo vivido na Alameda e comezou xa a preparar a próxima edición, na que estima que será necesario traballar para completar a oferta gastronómica con novas especialidades e tamén para reforzar unha oferta musical que foi moi do gusto dos asistentes.
O Concello de Ponte Caldelas entende que o sucedido esta fin de semana marcará a primeira de moitas edicións da Festa Gastronómica da Emigración de Galicia. O evento provocou a atracción de moitos veciños non só dos municipios da contorna, senón tamén de numeroso público chegado de Pontevedra e Vigo, polo que haberá que plantearse facer accións de promoción específicas nestas cidades para o futuro.
Sen embargo, o que máis satisfeitos deixou aos responsables do goberno municipal foi o impacto económico para os bares e restaurantes de Ponte Caldelas. Moitos deles esgotaron existencias varias veces, tanto o sábado como o domingo, superando así todas as expectativas.
Ao final, calcúlase un impacto económico directo superior aos 75.000 euros, pois as racións tiñan un prezo de 5 euros, pero as casetas dispoñían tamén unha oferta de tapas complementarias a prezos máis baratos que tiveron gran aceptación. Ademais, as panaderías locais, tamén presentes no evento, venderon moitisimo produto e as cafeterías da Vila rexistraron unha constante actividade.
A Xunta de Goberno recolleu os comentarios que lle fixeron chegar numerosos veciños, que recalcaron que nunca viran a Alameda tan chea de xente. Unha apreciación que gusta especialmente na Casa do Concello, onde están decididos a facer deste espazo senlleiro o epicentro da vida cultural do municipio. Entre o público gustou a montaxe, coas casetas ben distribuídas nos laterais e as mesas no espazo central nunha Alameda engalada con luces de cores. As actuacións musicais itinerantes entre as mesas crearon o ambiente necesario para garantir a diversión e a convivencia e non faltaron espontáneos que se "arrancaron" a compartir interpretación cos profesionais.
O éxito quedou ben acreditado durante a noite do sábado e mediodía do domingo, que foron os dous momentos de maior aglomeración. A pesar da colocación de mesas con capacidade para 900 comensais, durante moitos momentos non había cadeiras dispoñibles, o que obrigou ao Concello a reforzar o dispositivo, onte domingo, ocupando o escaso espazo dispoñible no estremo da Alameda próximo á Casa de Cultura.
En canto á oferta gastronómica, as preferencias do público estiveron moi repartidas, pero tivo moita aceptación a comida brasileira e a mexicana, que ofrecían senllos establecementos, aínda que todos eles tiveron uns resultados moi por enriba do que agardaban. Tanto é así que hai moito interese por repetir o ano próximo e xa algúns restaurantes de fóra de Ponte Caldelas están moi interesados en facerse un oco en futuras edicións.
A I Festa Gastronómica da Emigración de Galicia contou coa presenza dunha ducia de establecementos hosteleiros que ofreceron un prato típico da gastronomía dun país relacionado coa emigración galega e así houbo elaboracións procedentes das cociñas galega, andaluza, alemá, arxentina, italiana, mexicana, chilena, ecuatoriana, uruguaya, francesa e brasileira.
O evento contou cunha programación musical propia, na que destacou especialmente a actuación dos mariachis de Leonardo Enríquez, na noite do sábado e unha oferta complementaria de inchables gratuítos, que fixeron as delicias dos máis cativos durante toda a xornada do domingo.